http://www.marcovigo.com/content/balea-negra-x-aniversario-do-marco
A BALEA NEGRA é un proxecto expositivo que toma como punto de partida a crise provocada polo accidente do buque Prestige o 13 de novembro de 2002, o mesmo día que se inauguraba o MARCO, para documentar e rememorar aqueles días convulsos e para abordar algunhas das cuestións máis incitantes do noso tempo: a explotación da natureza, o legado do colonialismo, a historia da modernidade, o mito do progreso indefinido, o comercio marítimo, a globalización, os movementos sociais ou a guerra.
Dentro de menos dun mes cúmprense dous aniversarios ben diferentes: o do drama do Prestige e a inauguración do Marco (Vigo). Dez anos despois daquilo, o Museo de Arte Contemporánea presenta esta interesante proposta que nos fará reflexionar sobre cuestións de profundo calado. A exposición pódese ver no MARCO de Vigo desde o 5 deste mes ata o 31 de marzo de 2013. Animámosvos a visitala! Un pobo é a súa memoria e a nosa, desafortunadamente, está tinguida de piche negro.