Esta mañá recibimos un correo da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística con información sobre algúns dos efectos da indesexada e contestada LOMCE. Velaquí o seu correo e mais o tríptico. Lédeo, reflexionade, debatede…pero, sobre todo, facédeo circular.
A CGENDL mandou isto a todos os centros. Nós poñémolo no aire. Lédeo e pasádeo ;)
27 NovComunicado da CGENDL sobre a situación da lingua no ensino trala anulación parcial do Decreto de Plurilingüismo
19 MarAcabamos de recibilo!!!!
Comunicado da CGENDL sobre a situación da lingua no ensino trala anulación parcial do Decreto de Plurilingüismo
Desde a Coordinadora Galega de ENDL (CGENDL) queremos comunicarlle a toda a comunidade escolar que, dado que a Consellería de Educación se resiste a recoñecer que o Decreto 79/2010 para o Plurilingüismo atenta contra a propia Lei de Normalización Lingüística (LNL) nos artigos que se declararon nulos polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), faise necesario aclarar certos aspectos da súa aplicación a partir deste momento. Como CGENDL, gustaríanos manifestar cal é a nosa interpretación do proceso xurídico que afectou ao Decreto de Plurilingüismo; así mesmo, trataremos de matizar certos posicionamentos públicos da Xunta de Galicia, pois entendemos que non contribúen a reconducir a política lingüística cara a un necesario enfoque pedagóxico. Por tanto, afirmamos:
1. Os usos da lingua galega no ensino non universitario polo momento seguen rexidos polo Decreto do Plurilingüismo (D79/2010) que se aprobou apoiado en dúas ideas base:
a. A presunta posibilidade de escolla –por parte das familias- da lingua de ensino para as súas fillas e fillos.
b. O hipotético dereito do alumnado a usar a lingua da súa preferencia, independentemente da lingua vehicular de cada materia.
2. Estes dous argumentos foron invalidados polo TSXG ao anular os dous artigos do devandito Decreto 79/2010 que aluden a estas cuestións: o 5.2, que se refire a que a lingua en educación infantil se vai decidir a través dunha enquisa efectuada ás familias do alumnado; e o 12.3, que lle permitía empregar ao alumnado o castelán cando a materia se imparta en galego (pois é nos ámbitos urbanos castelanfalantes onde se producen as protestas dunha ínfima porcentaxe de discentes e familias por teren que aprender na lingua propia de Galicia que, supostamente, lles é descoñecida.
3. A Xunta de Galicia segue teimando en realizar a consulta ás familias, mais segundo o ditado polo TSXG:(…) os poderes públicos teñen encomendada a programación xeral do ensino, de cuxa potestade a Administración, neste caso Educativa, non pode abdicar, sometendo a votación un aspecto tan fundamental como a lingua a empregar na etapa de educación infantil (…) Non cabe dúbida de que a dita abdicación da potestade de ordenación xeral do ensino ten lugar cando se establece que o profesorado usará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, reputando decisivo para determinala o resultado dunha pregunta que se lles efectuará aos pais, nais, titores/as ou representantes legais do alumnos antes do comezo do curso escolar acerca da lingua materna da súa filla ou fillo. Polo tanto, a Xunta de Galicia non pode menosprezar a legalidade e pretender determinar a lingua do ensino en educación infantil a través de ningunha enquisa, tal e como se fixo en cursos anteriores, xa que non respecta o que formula o artigo 13.1 da Lei de Normalización Lingüística (LNL) nin o establecido no Plan Xeral de normalización da lingua galega (PXNLG).
4. Desde a administración autonómica estáselle a pedir ao profesorado “flexibilidade” para que se lle permita ao alumnado empregar a lingua da súa preferencia, é dicir, o castelán. Mais non se pode esquecer que persiste unha situación social de enorme desigualdade entre galego e castelán, a favor desta última, propiciada tanto por prexuízos históricos como por posicionamentos políticos e mediáticos moi agresivos contra as linguas minorizadas. Estas circunstancias fan imprescindible que a escola funcione como un espazo de socialización onde o alumnado poida adquirir competencia plena na lingua propia da súa comunidade.
A sentenza do TSXG invalida o precepto 12.3 desde unha tripla perspectiva xurídica:
a) segundo a LNL e a doutrina do Tribunal Constitucional, a lingua galega será con carácter xeral o vehículo de comunicación no ensino non universitario.
b) segundo os Tribunais Supremo e Constitucional, a lingua no ensino non pode estar condicionada pola liberdade de opción das persoas interesadas.
c) rómpese o fomento do uso progresivo do galego no ensino que marca a LNL.
Por conseguinte, dálles a razón ás organizacións demandantes que argumentaban que o alumnado precisaba aínda de consolidar as súas destrezas en lingua galega, nas diferentes materias.
Aclarado todo isto, a CGENDL considera:
a. que o goberno autonómico debe reconsiderar as estratexias de promoción da nosa lingua e debe asumir como deber inescusable as potencialidades que posúe o sistema educativo como axente efectivo tanto para a normalización do galego como para a integración social e comunitaria.
b. que se fai necesario aplicar os principios xerais da Lei de Normalización Lingüística, e que, sen renunciar ao obxectivo do plurilingüismo, se garanta que o alumnado adquira unha competencia plena en lingua galega ao rematar o ensino obrigatorio.
c. que a Xunta de Galicia, e os seus portavoces ante a sociedade, deixen de fomentar preconceptos en contra da promoción social do galego, pois deben actuar con enorme responsabilidade e altura política nun momento moi crítico para a transmisión interxeracional da nosa lingua.
d. que as autoridades educativas fomenten sen complexos a presenza do idioma en calquera materia, nomeadamente nas científicas e tecnolóxicas e que lles permitan adoptar aos centros aquelas medidas normalizadoras que se adapten ao seu contexto e impliquen, na medida do posible, a toda a comunidade.
Galicia, 18 de marzo de 2013
Coordinadora Galega de ENDL
recitandocelsoemilio. Bótalle un ollo a algúns dos traballos doutros centros
12 Decrecitandocelsoemilio, hoxe e sempre…
Faltan poucas horas para as 12:00 do 12/12/12, pero na páxina da CGEDNL xa están algunhas mostras dos traballos realizados en moitos centros de Galiza para homenaxear ao escritor celanovés. Míraos, son todos excelentes. Nós…seguimos traballando 😉
http://coordinadoraendl.org/recitandocelsoemilio/index.php
Deitado frente ao mar. Celso Emilio Ferreiro na nosa voz
9 DecDeitado frente ao mar
Lingua proletaria do meu pobo,
eu fáloa porque si, porque me gosta,
porque me peta e quero e dáme a gana;
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos avós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.
Eu fáloa porque si, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingua.
Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruíns e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os baleiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que aguantan rexamente
mentiras e inxustizas decotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de bolboretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño…
Mércores, 12-12-12. Ligazóns que nos interesan:http://coordinadoraendl.org/recitandocelsoemilio/celso.php
http://celsoemilioferreiro.org/
http://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=CelFerre&alias=Celso+Emilio+Ferreiro
http://sondepoetas.blogspot.com.es/2009/05/deitado-frente-ao-mar-celso-emilio.html
http://gavieira.blogspot.com.es/2012/03/deitado-frente-ao-mar-on-photopeach.html
http://www.crtvg.es/crtvg/arquivo/categoria/celso-emilio-ferreiro
https://sites.google.com/site/poemascelsoemilioferreiro/home
http://www.ivoox.com/poesia-poetas-celso-emilio-ferreiro-audios-mp3_rf_1418436_1.html
http://www.aelg.org/resources/didacticspace/units/didactic22/DW_didactic22_1.pdf
Pandeireteiras no IES Cacheiras
8 OutComezamos un novo curso académico e isto pinta moi ben. Cando o ano pasado botamos a andar e a traballar conxuntamente coa Vicedirección do centro, falamos moitas veces de conseguir formar pequenos grupos co alumnado que ten estudos musicais e que xa forma parte de asociacións fóra do instituto. Pois ben, este ano xa temos a punto de se poñer mans ao traballo un grupo de pandereteiras (Jéssica, Rocío, Xiana e Thais, de 4º da ESO; Sabela e Noelia, de 1º de bacharelato; e Helena, Paula, Branca e Fani, de 2º de bacharelato). Esperamos podelas oír e acompañar o próximo mes de novembro, cando amenicen o noso magosto. Daquela subiremos algúns vídeos e fotos; polo de agora agradecémoslles o seu interese, a súa colaboración e as ganas que demostraron esta mañá durante a primeira reunión.
Isto dános forza e ánimos para seguir ampliando as nosas miras: xa temos un trompetista e un gaiteiro (Miguel e Rubén, de 3º da ESO), agora gustaríanos ampliar o grupo e conseguir reunir un nutrido número de músicos que nos axuden a formar unha pequena banda do instituto. Deste xeito, entre as pandereteiras e a banda poderemos difundir e valorar o noso patrimonio musical tradicional e aproveitar os talentos do noso alumnado. Imos por bo camiño e con estas rapazas e estes rapaces habémolo facer con bo ritmo e boa música nosa.
Que plurilingüismo queremos? A CGEDNL fala claro e propón un plurilingüismo inclusivo e con equidade
19 Abr Esta mañá chegounos por varias vías este artigo. Lémolo e pareceunos necesario compartilo e defendelo.
Unha imaxe: a de tres irmás que a pesar do seu peso reciben exactamente a mesma ración de
comida diaria. Unha delas, a única filla biolóxica, está moi delgada, débil e non serve para traballar porque non ten forza; outra, medio-irmá, está bastante máis vigorosa pero é útil unicamente para a realización de certos traballos; a última, filla adoptada, é grande, forte e goza dunha férrea saúde polo que é a requirida para os traballos importantes. Se os seus pais dan a todas a mesma ración de comida, que ocorrerá? NADA. Velaí o problema. Co tempo, todos verán a filla máis débil como un estorbo que non serve para nada e pode ata que a deixen morrer. Paradoxal, que dúbida cabe!, sendo ela a única filla de dereito. Pois ben, así actuaron os nosos políticos, decidiron alimentar unicamente ás fortes e denominárono “plurilingüismo”. Do mesmo xeito que no caso anterior, a filla máis débil está destinada a morrer pero, neste caso, decidiuse asestarlle o golpe definitivo defendendo que supón un risco para a súa medio-irmá que, sen dúbida, se puidese consumir a comida da desaparecida sería moito máis forte.
Namentres, a filla adoptada, aproveitando esta absurda discusión, come a ración das súas irmás deixándoas moribundas. A máis débil, á que só quedan migallas, pode que non dure moito. A súa medioirmá é posible que sobreviva pero a súa saúde resentirase. Ao final, de tres irmás só unha servirá para algo. Non sería mellor repartir a comida en función do estado de saúde de cada unha delas e lograr así, tres fillas fortes útiles para realización de calquera traballo?
Para seguir lendo:
http://www.coordinadoraendl.org/plurilinguismo/doc/QUE%20PLURILING%C3%9CISMO%20QUEREMOS.pdf
Que queremos?
Plurilingüismo, pero inclusivo e con equidade.
Como se consegue?
Co Tratamento Integrado de Linguas (TIL).
O TIL non é:
un reparto de linguas por materias.
aprender só inglés e castelán.
memorizar palabras e deixar de aprender contidos.
O TIL é:
Aprender realmente moitas linguas pero partindo das dúas existentes na comunidade. Non se pode abandonar unha delas para aprender outra de fóra.
Partir dun enfoque comunicativo (ten que ter sentido o uso da lingua. O alumnado aprende linguas para usalas).
Explotar as estratexias de transferencia de linguas: conseguir desde a lingua propia saber como se xestionan as outras.
Facer unha planificación conxunta para traballar as linguas de forma relacionada.
Adquirir competencia plurilingüe e intercultural, cunha gradación do dominio das diferentes linguas.
Conseguir acordos e complicidades entre o profesorado e as familias.
Velaquí o Manifesto do Correlingua 2012. HAI QUE LELO
23 MarMANIFESTO 2012- 4º ESO. CPI de Pontecesures
Buscamos, buscamos, buscamos cousas que nos traian a felicidade: coches, pisos, prazas de garaxe, negocios… enchen os anuncios por palabras dos xornais.
Pero nós buscamos persoas que estean orgullosas do idioma da súa terra, que non teñan medo a falalo. Buscamos que as fronteiras de Galiza as poña o galego. Preferimos unha persoa do Bierzo que fale o idioma a unha de aquí que non o fale. Non se é máis galego por vivir na Coruña se logo se fala o idioma de Castela. Deixade de presumir de algo que nin vós respectades. Todos vós, os que subides fotos reivindicativas ao tuenti, nin vos decatastes cando pechou Galicia Hoxe. Ser galego non é ler La Voz de Galicia nin ver a TVG. Ser galego significa que buscaches e atopaches a túa identidade. Galiza non é representada por unha catedral, unha muralla ou torre. A Galiza represéntaa un idioma co que escribiron ensaios, poemas, artigos e ata incluso anuncios por palabras. Desexamos abrir un día o xornal e atopar anuncios coma estes:
SERVIZOS
A mellor vidente de tarot de Galiza.Máis de doce séculos de experiencia. Especialista en: fonética, morfoloxía e léxico. Visítanos en R/ Percebe, nº 24.
COMPARTO PISO
Búscase univeritari@ que se queira aloxar nun piso de galego-falantes. Aviso: somos de moitas partes de Galiza e falamos diariamente galego.
FINANZAS
Arréndase idioma. Prezo razoable e negociable, usable en todas as formas e ámbitos. Con garantía ilimitada.
Precisas un idioma? Nós temos o que buscas. Está en boas condicións, sinxelo de adquirir e comprender en toda a nación. Resposta en 24 horas.
OCIO
Divírtete co galego provocador do manifesto “Máis Alá”. Mergúllate nun mar de gozo.
SEGUNDA MAN
Véndese equipo de música Vacaloura, perfecto para escoitar Heredeiros da Crus, moi ben coidado. Prezo razoable dependendo do galego que saibas falar.
DETECTIVES
Perdinme. Búscame. Chámome galego. Encóntrame, fálame e gózame.
POLO TANTO,
Entra en Jujel, vaite a PISOS VENDA, merca Galiza.
Vaite a PISOS ALUGUER, aluga Galiza.
Vaite a NEGOCIOS, negocia Galiza.
Vaite a MOTOR, compra un Galicoche.
Vaite a OCIO, goza Galiza.
Vaite a NÁUTICA, padexa Galiza.
Vaite a Galiza, adora galego
Adórate, adóranos.
Se feliz: GALEGO, TODO O QUE BUSCAS
OS MUXES RADIOACTIVOS
Vaiche boa…Vilaboa!!!!O alcalde de Santiago retíralle a axuda ao Correlingua e tratarao como unha manifestación
23 MarO Concello de Santiago retira este ano o apoio que concedía para organizar a Correlingua, a proba deportiva de promoción do idioma, programada este ano o día 7 de maio na cidade.
O edil de Cultura e Educación, Ángel Currás, afirma que xa lle comunicou hai unhas semanas á organización que este ano non se pode soster a axuda económica de 4.250 euros que se lles outorgaba, polos recortes orzamentarios e por existir outras prioridades. Días despois reiterou a negativa e acrecentou o desacordo co texto do manifesto, que valora «moi desafortunado». Currás indica que «en modo algún» ou Concello colaborará con esa iniciativa, por discrepar con ese manifesto, elaborado por alumnado de cuarto curso de secundaria do CPI de Pontecesures. Porén «se queren celebrar a proba terán que solicitar permiso ao departamento de Tráfico e Seguridade», afirma.
Xepe Torres, da Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística de Santiago e comarca, e Marcos Maceira, da Mesa pola Normalización Lingüística, como representantes da organización da proba, admiten que Currás lles avanzou que non había dispoñibilidade económica, aínda que se lles prometeu axuda para ceder, instalar e retirar un palco. Días despois comunicou a negativa a calquera axuda, de se non retirar ou manifesto.
Máis información:
http://gavieira.blogspot.com.es/2012/03/o-alcalde-de-santiago-retiralle-axuda.html
Nace Mira por elas, plataforma plural en defensa dos medios de comunicación públicos en galego. Asinamos o manifesto
17 Mar
Calquera persoa ou entidade pode asinar o manifesto Mira por elas, no que se sinala, entre outras cousas que a CRTVG “defenda a identidade nacional de Galiza, promova o coñecemento e a difusión da súa historia e a súa cultura e impulse a normalización da súa lingua”, “informe con veracidade, imparcialidade, independencia e pluralidade”, “estimule a participación democrática mediante unha regulación que asegure a aplicación efectiva do dereito de acceso aos medios públicos dos grupos sociais e políticos, sen excluír as minorías”, etc.
Asinaremos e convidamos a que asinedes.
Toda a info en: http://www.miraporelas.com/asina-o-noso-manifesto.html
A CGEDNL tamén nos enviou unha interesante entrevista con José Manuel Vez
21 Feb José Manuel Vez, catedrático da USC e director do Observatorio Atrium Linguarum: ensinanza, aprendizaxe, avaliación das linguas, reflexiona e opina nesta entrevista sobre a actuación da Consellería de Educación ao implantar aos poucos os coñecidos como “centros plurilingües”.
A entrevista realizouna a CGEDNL a partir da cuestión Sobre centros plurilingües: un modelo axeitado de educación lingüística para Galiza? Podedes lela en:
A CGANDL segue a traballar e remítenos un texto necesario: Por un plurilingüismo inclusivo
21 FebDesde a CGENDL vivimos con fonda preocupación a deriva do noso sistema educativo enganchado atrás dun Decreto de Centros Plurilingües que non é máis ca unha extensión do Decreto do Plurilingüismo (D. 79/2010), co que a administración, ademais de atentar gravemente contra a promoción da nosa lingua no ensino, pon en perigo, entre outras cousas, a competencia lingüística xeral do alumnado. No II Encontro de equipos e docentes pola normalización tratamos o tema e presentamos os documentos que se anexan, que precisan unha lectura demorada pero necesaria, e que tamén atoparedes en http://www.coordinadoraendl.org/plurilinguismo .
Para lerdes Por un plurilingüismo inclusivo, calcade aquí
http://correo.edu.xunta.es/attach/Por_un_pluriling%C3%BCismo_inclusivo.pdf
A CGEDNL fai público o seu pésame polo pasamento de Isaac Díaz Pardo
16 XanRemitimos a nota de pésame pola morte de don Isaac Díaz Pardo, que nos deixou naquel mesmo día. O seu compromiso coa cultura galega, que tomou corpo en numerosos e decisivos proxectos para o país, é tamén un exemplo para os Equipos de entrega xenerosa pola lingua.
A CGENDL fai unha valoración da xestión de Anxo Lorenzo
16 XanO pasado 5 de xaneiro, a CGENDL fixo pública a través da súa páxina web e as redes sociais, así como cunha nota de prensa enviada aos medios, unha valoración da xestión do Secretario Xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, tras o anuncio da súa marcha deste departamento (vid. documento anexo).
Deste modo, a Coordinadora fixo balance dun labor que cualifica de “nefasto” pois estivo marcado pola adopción de medidas lesivas para a lingua en diferentes ámbitos, nomeadamente no ensino. Así mesmo, no que se refire aos EDLG, denunciouse unha vez máis o abandono dos Equipos, que, ademais doutras graves eivas, seguen sen contar coa convocatoria de axudas para o curso 2011-2012 e aínda non percibiron o importe correspondente ao ano 2011 da convocatoria anterior. A CGENDL trasladaralle estas e outras demandas ao novo responsable da SXPL, Valentín García, a quen xa se lle solicitou unha reunión.
O documento anexo pode lerse aquí:
Sae a orde de axudas ao galego nos concellos tras o peche de 15 servizos de normalización
5 XanA Secretaría Xeral de Política Lingüística publicou este mércores no Diario Oficial de Galicia a orde de subvencións do 16 de decembro de 2011 dirixida a entidades locais de Galicia para a promoción do uso do galego no ámbito rural. Segundo explicou a Xunta, esta convocatoria de axudas para as entidades poboacionais de 3.000 ou máis habitantes ten como obxectivos prioritarios desenvolver a prestación dun servizo lingüístico local e favorecer o desenvolvemento de programas de dinamización do galego.
A orde aparace despois de reiteradas denuncias de retrasos da Coordinadora de Traballadores de Normalización dá Lingua (CTNL), o cal desembocou no peche de servizos de normalización lingüística nun total de quince concellos. Primeiro foron os de Dodro, O Barco de Valdeorras e Quiroga, e despois, segundo denunciou a CTNL, os de Aranga, Arzúa, Barreiros, Cabana de Bergantiños, Cariño, Cerceda, Malpica, Mesía, Monfero, Santiso, Vilasantar e Zas.
A CTNL achacaba esta situación á “eliminación das axudas” por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística e á “tardanza na nova e minguada convocatoria” por parte da Deputación de A Coruña.
A orde publicada o mércores consta de catro modalidades de axuda. En concreto, a primeira e a segunda están dirixidas a crear un servizo lingüístico a través da contratación de persoal técnico, nun caso para o concello e no outro para un agrupamento de concellos. As entidades locais que xa teñan un servizo lingüístico en funcionamento e queiran mantelo ou reforzalo poderán solicitar a terceira modalidade de axudas.
Finalmente, a cuarta liña de subvención irá destinada a aqueles concellos que, a pesar de non contar con servizo lingüístico, tamén levan a cabo programas de dinamización do uso do galego. A orde de axudas está dotada cunha contía de 520.000 euros e poderán beneficiarse dela as actividades realizadas dende o 1 de xaneiro de 2011 e ata o 15 de outubro de 2012, o que permite imputar o gasto do pasado ano, afectado pola anulación da orde de axudas do 4 de marzo.