A pasada semana foron presentados no Centro Galego de Artes da Imaxe os protagonistas da longametraxe infantil “A casa da luz”, adaptación da novela de Xabier Docampo, que será levada ao cinema polo produtor Xosé Xoán Cabanas Cao e o director Carlos Amil.
Agustina Bentos, Sheila Carbia, Jorge Taboada, Javier López, Claudia Peña e Antón Sampedro interpretarán no filme a Alicia, Alba, Amadeo, Alvaro, Lucrecia e Anxo, o grupo de amigos sobre os que xira o argumento. Os nenos, que foron seleccionados nas probas de reparto que se levaron a cabo en centros de ensino de todas as provincias galegas, inician o proxecto sen unha formación actoral previa, xa que, segundo explica Carlos Amil, o filme está formulado como un xogo “e todos os nenos saben xogar”. Como explicou Carlos Amil na presentación, “o que se buscaba nos nenos era expresividade e presenza ante a cámara, e non foi sinxelo dar co reparto apropiado”. Os días anteriores ao inicio da rodaxe, Vimbio Filmes organizou un campamento para que os seis pequenos protagonistas se coñecesen e se crease entre eles a idea de “pandilla” que se precisaba para o papel. Os rapaces, que teñen entre 8 e 13 anos e veñen de diferentes localidades galegas (Monforte, A Coruña, Santiago, A Estrada e Ordes), coincidiron en mostrarse ilusionados coa película, coa que aseguran estar aprendendo moito; ademais, todos pensan en dedicarse á interpretación no futuro.
O equipo artístico complétase con actores galegos xa coñecidos no mundo da interpretación, como Gustavo Pernas, Xosé Manuel Oliveira, Susana Dans, Antonio Mourelos, Cándido Pazo, Xulio Lago ou Camilo Rodríguez. Dentro do equipo técnico destaca a presencia de Xosé Cobas, ilustrador da novela original, que asume a dirección conceptual do filme. Alfonso Parra é o director de fotografía e Rodrigo Roel o director artístico. Por outra banda, a música será de Nany García.
“A casa da Luz” será un das primeiras longametraxes de imaxe real para nenos que se realizan en Galicia e estase a rodar integramente en galego. A novela, editada por Edicións Xerais, narra a aventura dun grupo de nenos, utilizando como fío condutor a desaparición dun amigo nun mundo descoñecido e misterioso. Segundo explica o seu autor, Xabier Docampo, trátase dunha literatura moi cinematográfica, “A casa da luz” inicialmente era un argumento pensado para un guión de cine pero, como o proxecto non foi para adiante, converteuse nunha novela”, explicou. O escritor galego, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, asegura que cine e literatura son dúas linguaxes distintas, polo que non pretende que a película sexa totalmente fiel á novela. “Os personaxes son seres vivos e pásanlles outras cousas á parte das que conta a novela”, asegura, aínda que confesa que el lle gustará sempre máis a novela.
A adaptación cinematográfica foi realizada por Carlos Amil e Xosé Xoán Cabanas Cao, que coinciden en cualificar o proxecto como unha película “fantástica”, pero non de fantasía, na que o público obxectivo, os nenos, serán tratados “como espectadores intelixentes”, algo que tamén remarca Xabier Docampo. “Este país necesitaba isto -afirma-. Alguén ten que formar os espectadores cinematográficos, e estes fórmanse no cinema”. A casa da luz vai ser a segunda película de Carlos Amil, que se estreou na dirección co filme Branca Madison (2003). “Un dos maiores alicientes deste novo proxecto é que se trata dunha película de aventuras dirixida a todos os públicos, e tamén que partimos da adaptación dun texto de Xabier Docampo”, asegura. Outro dos atractivos que sinala Amil é o deseño conceptual do filme, que recaerá en Xosé Cobas, autor das ilustracións do libro de Docampo. “É unha aposta forte, xa que a súa procedencia non é do mundo da dirección artística, senón da ilustración e pode achegar algo moi interesante dende esta perspectiva,”, afirma.