Ata o 21 de outubro terán lugar, no Museo Municipal de Ourense, as XXIV Xornadas de Banda Deseñada de Ourense. Entre as diversas actividades que se acometerán, están dúas exposicións, na sala I e II do museo. Estas xornadas teñen moito de emotivo, xa que serán as primeiras sen Benito Losada, creador, coordinador e alma máter das xornadas e director da Casa da Xuventude de Ourense, finado o pasado ano.
Xavier Paz, en representación da Fundación Benito Losada, explicou en que consiste esta festa galega do cómic, da cal destaca a exposición de sete novelas gráficas, na sala I do museo, que saíron o ano pasado. Trátase de sete coleccións de artes finais e bocetos previos que mostran o nivel excepcional dos nosos creadores.
A mostra recolle traballos de Brais Rodríguez (A man do diaño), David Rubín (El héroe), Jacobo Fernández (Lois Pereiro. Breve encontro), José Domingo (Aventuras de un oficinista japonés), Lola Lorente (Sangre de mi sangre), Martín Romero (Las Fabulosas Crónicas del Ratón Taciturno) e Miguel Cuba (Punta de Fuga).
Tamén, como vén sendo habitual cada ano, na sala II do museo está a exposición do Instituto da Xuventude INJUVE, que mostra as historias e as ilustracións de 16 debuxantes que, mediante a utilización de soportes informáticos, son expoñentes das últimas tendencias en cómic e ilustración.
As Xornadas de Banda Deseñada, dan, unha vez máis, o pistoletazo de saída á 34º edición do Outono Fotográfico. A consolidación e continuidade destas actividades é unha das finalidades que terá a futura Fundación Benito Losada, en proceso de constitución.