Arquivo | Artigos do alumnado RSS feed for this section

O movemento obreiro

4 Xuñ

Que é o movemento obreiro?

         É a loita e actuación do colectivo de traballadores dende a polarización das condicións de vida na sociedade, provocada polo medre industrial (Revolucións Industriais); isto é, o paso á sociedade burguesa, o que significou un cambio radical no modelo económico. Temos que achegar, tamén, as duras condicións de vida nas que se desenvolvía o traballo, xornadas durísimas e moi longas, cun horario que oscilaba entre as 14 e as 16 horas diarias.

         Quero aclarar que neste artigo veremos o movemento obreiro só dende o nacemento do mesmo até a Primeira Internacional, omitindo os importantes pasos que nos levan até os nosos días.

Como foi a súa progresión?

         O movemento obreiro pasa por diferentes fases. Nas primeiras é coma un neno que dá os seus primeiros pasos, os obreiros non tiñan conciencia de clase nin os coñecementos históricos da universalidade da súa loita, que veremos como conquistan máis adiante.

         As primeiras críticas cara ó sistema capitalista, imposto pola burguesía, proveñen mesmo do interior deste. Así, economistas como David Ricardo (1772-1823) ou Sismondi (1773-1842) xa se decataran da dureza extrema das condicións de vida dos traballadores.

         O primeiro caso no que podemos albiscar un lixeiro toque obreirista é a Revolución Francesa, malia que foi a primeira revolución burguesa (que naquel tempo era unha clase revolucionaria por estar oprimida, igual que o estaba e está hoxe a clase obreira) para destruír o Antigo Réxime e facer valer os seus intereses; houbo tamén, malia que de menor peso, propostas de reparto da produción (é a chamada Conspiración dos Iguais) e de defensa das clases traballadoras urbanas, os “sansculottes”.

             Así e todo, deberemos agardar  bastantes anos máis para atopar un movemento cun carácter máis puramente obreiro, a pesar de que nin sequera se atopaba configurada unha conciencia social e de clase. Este era o ludismo, que consistía na destrución de máquinas, fábricas… en violentas protestas obreiras e campesiñas nas primeiras décadas do s. XIX, pola introdución do maquinismo e do sistema fabril, que aseguraban lles arrebatarían o traballo.

                Debe o seu nome a un “hipotético” Ned Lud que, ó parecer, en 1779 destruíu en Inglaterra varias máquinas para a fabricación de medias.

         No noso contorno houbo diversos movementos ludistas que acadaron gran forza a partir de 1820. En Barcelona destaca unha abondosa actividade, pero tamén en Galiza houbo movementos ludistas (malia a súa escasa industrialización). Concretamente na cidade da Coruña, na que as traballadoras da fábrica de tabacos lanzaron as máquinas ó porto.

         O seguinte paso foi, finalmente, o sindicalismo. A expresión máxima da vontade obreira por loitar polas súas condicións e o seu futuro. Nace en Inglaterra, logo de abolir a prohibición do dereito de asociación, contra a que os obreiros centraran os seus esforzos. O primeiro paso do Goberno ante a marea de sindicatos e folgas convocadas foi prohibir os acordos entre sindicatos e separalos  por oficios. Máis tarde, nace a Great Trade Union, primeiro sindicato que agrupa traballadores/as de diferentes oficios. O sindicalismo tivo unha grande importancia na construción dunha conciencia de clase e democrática na xente, que estoupará definitivamente, coa Revolución de 1848, por toda Europa.

         Simultaneamente a esta, acádase o clímax do movemento obreiro, na súa expresión social e política, coa elevación deste a un nivel científico e universal: o marxismo, que descobre e demostra que o capital é un produto colectivo, ou sexa, produto da forza de traballo non pagada ó obreiro, que é a que proporciona o valor ás cousas. Esta doutrina outorgou a baza definitiva á clase obreira para avanzar cara á súa redención e emancipación, xa que presentou un novo modelo de sociedade colectivista, sociedade de novo tipo, na que o traballo sería exercido por todos en igual medida, para obter un capital produto de todos e rematar co que Marx denominou alienación capitalista; esta consistía na apropiación do capital (produto colectivo) por parte do capitalista, e a conversión deste en propiedade do empresario (propiedade privada).

         Por último, por causa do que acabamos de citar e por iniciativa do propio Marx, en 1864 fundouse a Asociación Internacional de Traballadores (Primeira Internacional) na que confluíron marxistas, anarquistas e sindicalistas, xa que defendían a necesidade da clase obreira de unir esforzos no ámbito mundial. Esta tenta métodos pacíficos, como a elevación intelectual do proletariado para conseguir a súa redención.

         Así, logo desta breve exposición sobre os períodos máis importantes do movemento obreiro, debemos concluír con que o camiño foi longo pero queda moito por andar, que as bases están postas e o que nos queda é seguir.

Fuco, maio de 2012

Advertisement