Esta mañá recibimos un correo da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística con información sobre algúns dos efectos da indesexada e contestada LOMCE. Velaquí o seu correo e mais o tríptico. Lédeo, reflexionade, debatede…pero, sobre todo, facédeo circular.
A CGENDL mandou isto a todos os centros. Nós poñémolo no aire. Lédeo e pasádeo ;)
27 NovA linguaxe audiovisual ao noso alcance: Caderno de Rodaxe
27 MarA partir desta última semana do mes de marzo, todo o alumnado de lingua dos grupos 1º de ESO A, B e C está seguindo o proceso creativo que os seus compañeiros do instituto (IES Cacheiras) están facendo e compartindo a través do Caderno de rodaxe. Desta maneira, o mundo da imaxe, que os rodea e que representa un atractivo substancial en case todas as súas actividades cotiás, pero que no fondo lles resulta moi descoñecido, vai ser debullado, descrito e comentado, espertando neles -esperamos!- curiosidades que farán que o blog teña unha vida activa e fluída. Polo momento xa puideron saber cando e como naceu a idea, que equipo vai estar detrás dela e cales son os pasos que compoñen o proceso creativo: preprodución, produción e posprodución (con todas as súas particularidades e interioridades).
Ademais, na última entrada do blog, van poder compartir co equipo e coas persoas que o seguen unha noticia excelente:
O CONSERVATORIO PROFESIONAL DE MÚSICA
INCORPÓRASE AO PROXECTO
A dirección e profesores do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela acolleron con entusiasmo a proposta de Aturuxo Films de incorporarse ao proxecto da curtametraxe que está a facer o alumnado de 4º ESO da materia optativa Linguaxe audiovisual e medios dixitais. Como podedes imaxinar o seu traballo vai consistir na composición, interpretación e gravación da música da banda sonora. Alumnado de 3º de grao profesional vai ser o encargado de por a emoción musical coordinados e dirixidos polo seu profesor Ramón Cabezas.
Estou segura de que esta actividade vai supoñer unha descuberta que o noso alumnado poderá aproveitar noutros ámbitos da súa formación e vai espertar novas curiosidades e inquietudes. Desde aquí aproveito para animar a todos os membros da nosa comunidade educativa a seguir o blog e participar nel; e ao alumnado dos grupos citados felicítoo xa agora pola participación e polo interese que están manifestando: que corra a voz! 😉
M. Pardo Fernández
17.000 assinaturas polo português na Galiza
26 MarA Comissão Promotora da Iniciativa Legislativa Popular “Paz-Andrade” para promover a língua portuguesa e os vínculos com a Lusofonia entrega hoje no Parlamento 17.000 assinaturas para que a Proposta de Lei continue a sua tramitação
Santiago de Compostela, 8 de março de 2013. Na tarde de hoje, seis meses depois de ser apresentada ante o Parlamento da Galiza, a Comissão Promotora da Proposta de Lei por Iniciativa Legislativa Popular que leva o sobrenome do homenageado do Dia das Letras Galegas do passado ano, Valentim Paz-Andrade, formaliza a entrega das 17.000 assinaturas que asseguram a continuação da sua tramitação parlamentar. A iniciativa procura uma série de medidas que facilitem o acesso dos galegos ao universo de língua portuguesa e um maior relacionamento com a Lusofonia.
Entre as propostas do articulado, figuram a progressiva incorporação do português no ensino, o fomento da participação das instituições e empresas galegas nos foros económicos, culturais e desportivos lusófonos, a recepção aberta das televisões e rádios portuguesas e o reconhecimento desta competência linguística para o aceso à função pública.
Os promotores explicam na exposição de motivos da proposta que ?a nossa língua outorga uma valiosa vantagem competitiva à cidadania galega em todas as vertentes, nomeadamente a económica, desde que disponhamos dos elementos formativos e comunicativos para nos desenvolver com naturalidade no seu modelo internacional?. Alcançado o objetivo de superar a 15.000 assinaturas requeridas, a Comissão Promotora destaca a sensibilidade das galegas e dos galegos para a proximidade ou unidade (em função da perspectiva) da língua falada na Galiza e as restantes falas lusófonas, permitindo a consecução dos apoios necessários.
Apresentada no Parlamento em 16 de maio de 2012, a proposta une-se ao espírito da comemoração de Valentim Paz-Andrade, que, para além ser um dos principais impulsores da moderna indústria pesqueira galega, foi também vice-presidente da Comissão Galega do Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa, que possibilitou a participação da Galiza nas reuniões para o acordo ortográfico da língua portuguesa que decorreram no Rio de Janeiro (1986) e Lisboa (1990). A presença galega nesse acordo ficou registrada no tratado internacional resultante, com uma menção à delegação de observadores da Galiza no primeiro parágrafo e a inclusão das palavras “brêtema” e ?lóstrego? na descrição das normas acordadas.
Em seu artigo “A evolución trans-continental da lingua galaico-portuguesa” de 1968, Paz-Andrade questionava e respondia afirmativamente à pergunta: “O galego ha de seguir mantendo unha liña autónoma na sua evolución como idioma, ou ha de pender a mais estreita similaridade co-a lingua falada, e sobre todo escrita, de Portugal e-o Brasil” Consciente do potencial “transcontinental” da nossa língua não só para a sua consolidação como também para favorecer a potencialidade económica da Galiza, qualificou-a de “una lengua con la cual pueden entenderse millones y millones de personas, aunque lo hablen con distinto acento o escriban de forma diferente cierto número de vocablos” (em Galicia como tarea, 1959). Para a Comissão Promotora da ILP, “esse potencial global é ainda mais evidente e relevante no momento atual, onde a crise económica em que está a Galiza contrasta com o auge de novas potências como o Brasil na América, Angola na África ou a China, com o enclave de Macau, na Ásia”.
Comunicado da CGENDL sobre a situación da lingua no ensino trala anulación parcial do Decreto de Plurilingüismo
19 MarAcabamos de recibilo!!!!
Comunicado da CGENDL sobre a situación da lingua no ensino trala anulación parcial do Decreto de Plurilingüismo
Desde a Coordinadora Galega de ENDL (CGENDL) queremos comunicarlle a toda a comunidade escolar que, dado que a Consellería de Educación se resiste a recoñecer que o Decreto 79/2010 para o Plurilingüismo atenta contra a propia Lei de Normalización Lingüística (LNL) nos artigos que se declararon nulos polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), faise necesario aclarar certos aspectos da súa aplicación a partir deste momento. Como CGENDL, gustaríanos manifestar cal é a nosa interpretación do proceso xurídico que afectou ao Decreto de Plurilingüismo; así mesmo, trataremos de matizar certos posicionamentos públicos da Xunta de Galicia, pois entendemos que non contribúen a reconducir a política lingüística cara a un necesario enfoque pedagóxico. Por tanto, afirmamos:
1. Os usos da lingua galega no ensino non universitario polo momento seguen rexidos polo Decreto do Plurilingüismo (D79/2010) que se aprobou apoiado en dúas ideas base:
a. A presunta posibilidade de escolla –por parte das familias- da lingua de ensino para as súas fillas e fillos.
b. O hipotético dereito do alumnado a usar a lingua da súa preferencia, independentemente da lingua vehicular de cada materia.
2. Estes dous argumentos foron invalidados polo TSXG ao anular os dous artigos do devandito Decreto 79/2010 que aluden a estas cuestións: o 5.2, que se refire a que a lingua en educación infantil se vai decidir a través dunha enquisa efectuada ás familias do alumnado; e o 12.3, que lle permitía empregar ao alumnado o castelán cando a materia se imparta en galego (pois é nos ámbitos urbanos castelanfalantes onde se producen as protestas dunha ínfima porcentaxe de discentes e familias por teren que aprender na lingua propia de Galicia que, supostamente, lles é descoñecida.
3. A Xunta de Galicia segue teimando en realizar a consulta ás familias, mais segundo o ditado polo TSXG:(…) os poderes públicos teñen encomendada a programación xeral do ensino, de cuxa potestade a Administración, neste caso Educativa, non pode abdicar, sometendo a votación un aspecto tan fundamental como a lingua a empregar na etapa de educación infantil (…) Non cabe dúbida de que a dita abdicación da potestade de ordenación xeral do ensino ten lugar cando se establece que o profesorado usará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, reputando decisivo para determinala o resultado dunha pregunta que se lles efectuará aos pais, nais, titores/as ou representantes legais do alumnos antes do comezo do curso escolar acerca da lingua materna da súa filla ou fillo. Polo tanto, a Xunta de Galicia non pode menosprezar a legalidade e pretender determinar a lingua do ensino en educación infantil a través de ningunha enquisa, tal e como se fixo en cursos anteriores, xa que non respecta o que formula o artigo 13.1 da Lei de Normalización Lingüística (LNL) nin o establecido no Plan Xeral de normalización da lingua galega (PXNLG).
4. Desde a administración autonómica estáselle a pedir ao profesorado “flexibilidade” para que se lle permita ao alumnado empregar a lingua da súa preferencia, é dicir, o castelán. Mais non se pode esquecer que persiste unha situación social de enorme desigualdade entre galego e castelán, a favor desta última, propiciada tanto por prexuízos históricos como por posicionamentos políticos e mediáticos moi agresivos contra as linguas minorizadas. Estas circunstancias fan imprescindible que a escola funcione como un espazo de socialización onde o alumnado poida adquirir competencia plena na lingua propia da súa comunidade.
A sentenza do TSXG invalida o precepto 12.3 desde unha tripla perspectiva xurídica:
a) segundo a LNL e a doutrina do Tribunal Constitucional, a lingua galega será con carácter xeral o vehículo de comunicación no ensino non universitario.
b) segundo os Tribunais Supremo e Constitucional, a lingua no ensino non pode estar condicionada pola liberdade de opción das persoas interesadas.
c) rómpese o fomento do uso progresivo do galego no ensino que marca a LNL.
Por conseguinte, dálles a razón ás organizacións demandantes que argumentaban que o alumnado precisaba aínda de consolidar as súas destrezas en lingua galega, nas diferentes materias.
Aclarado todo isto, a CGENDL considera:
a. que o goberno autonómico debe reconsiderar as estratexias de promoción da nosa lingua e debe asumir como deber inescusable as potencialidades que posúe o sistema educativo como axente efectivo tanto para a normalización do galego como para a integración social e comunitaria.
b. que se fai necesario aplicar os principios xerais da Lei de Normalización Lingüística, e que, sen renunciar ao obxectivo do plurilingüismo, se garanta que o alumnado adquira unha competencia plena en lingua galega ao rematar o ensino obrigatorio.
c. que a Xunta de Galicia, e os seus portavoces ante a sociedade, deixen de fomentar preconceptos en contra da promoción social do galego, pois deben actuar con enorme responsabilidade e altura política nun momento moi crítico para a transmisión interxeracional da nosa lingua.
d. que as autoridades educativas fomenten sen complexos a presenza do idioma en calquera materia, nomeadamente nas científicas e tecnolóxicas e que lles permitan adoptar aos centros aquelas medidas normalizadoras que se adapten ao seu contexto e impliquen, na medida do posible, a toda a comunidade.
Galicia, 18 de marzo de 2013
Coordinadora Galega de ENDL
Manifesto censurando o recurso de casación perante o Tribunal Supremo, contra as recentes sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
16 FebHai uns días que nos chegou esta petición:Prezadas amigas e amigosun grupo amplo e plural de persoas de distintas tendencias, profesións e condicións estamos tentando difundir un manifesto censurando o recurso de casación perante o Tribunal Supremo, contra as recentes sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que a Consellaría de Educación da Xunta de Galicia acaba de anunciar que está preparando.
Velaquí o manifesto:
A XUNTA DEBE ACATAR A SENTENZA DO TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA DE GALICIA
FEIJOO NON DEBE LEVAR O IDIOMA GALEGO AO TRIBUNAL SUPREMO
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia acaba de anunciar que está realizando os trámites previos á presentación dun recurso de casación diante do Tribunal Supremo contra as sentenzas ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o decreto chamado do plurilingüismo aprobado pola Xunta en 2010. Na nota oficial en que dá conta desta desafortunada iniciativa, a Consellería afirma que condiciona a non presentación -ou no seu caso a retirada- do dito recurso de casación, a que “os recorrentes e a oposición” acepten a proposta formulada hai máis dun mes polo presidente da Xunta: segundo tal proposta, estes deben dar o seu aval ao devandito decreto do plurilingüismo, unha vez depurado dos aspectos que o TSXG estima contrarios á legalidade.
Resulta verdadeiramente lamentable que o goberno e o Partido Popular non tirasen as conclusións derivadas das sentenzas do TSXG, en tanto que estas desautorizan de cheo aspectos básicos dun decreto que no seu día foi aprobado pola Xunta a pesar de contar con informes contrarios do Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, o Consello Escolar de Galicia e o propio Consello Consultivo de Galicia. Agora, no canto de aproveitaren a ocasión para reconducir unha liña desastrosa de deslexitimación, desoficialización e desprestixio do idioma do país (e de paso, da propia autonomía e as súas institucións), o Partido Popular e o goberno de Feijoo teiman en botar máis leña ao lume.
É incomprensible que o Presidente da Xunta pretenda condicionar unha rectificación imposta xuridicamente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a que a oposición e os recorrentes se aveñan a aceptar como idóneo un decreto indefendible, rotundamente descualificado polas devanditas institucións e organismos, así como pola maioría dos expertos e da comunidade educativa, ademais de contestado masivamente pola cidadanía.
Pero o que provoca escándalo é que o goberno do Partido Popular pretenda outorgar ao Tribunal Supremo a última palabra nunha materia xa xulgada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e que o Estatuto de Autonomía de Galicia reserva como competencia exclusiva á nosa autonomía (art. 27, 20 do EAG). A presentación do devandito recurso de casación constituiría non só unha aldraxe (outro máis) ao idioma do país, senón un desprezo ás nosas institucións e unha rotunda descualificación da propia autonomía.
O que ao idioma galego lle cómpre son políticas activas de apoio e promoción no ámbito do ensino e nos demais ámbitos, políticas que deben fundarse nun amplo consenso político e social, como o plasmado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado polo Parlamento de Galicia en 2004. O propio Parlamento de Galicia pode ser un lugar apropiado para fraguar as bases para tal consenso, non o Tribunal Supremo de Madrid.
O que Galicia precisa é un Presidente e un goberno que confíen nas nosas propias institucións, que crean no autogoberno e que miren por riba de todo polos nosos intereses colectivos. Alberto Núñez Feijoo debe renunciar de vez a continuar cun obsceno xogo partidista -ou peor aínda, personalista- a custa do noso idioma e da nosa dignidade. A Xunta de Galicia cometería unha infamia arrastrando o idioma galego ao Tribunal Supremo.
Entroido-Atranques
15 FebEste ano vimos de celebrar o entroido no centro con moitas actividades e, por que non dicilo, con moi boa acollida por parte da comunidade escolar. Foi o primeiro ano que as actividades non se fixeron dentro das aulas, co que toda a xente puido gozar das comparsas, da mascarada, das actuacións e mais dos atranques. Houbo música ao vivo, coa animación de Diana e a colaboración dos nosos músicos (Rocío, Jéssica, Noelia, Xiana, Antía, Miguel e Pablo), houbo orellas, filloas e roscas, houbo troula… e houbo atranques.
Neste entroido déronse, nin máis nin menos ca seis atranques, pero tamén se deron as vivas ao Director e a toda a comunidade escolar. Empezaron Nerea e José, seguíronos Hugo e Brais Botana -os donos das bestas-, logo deron os seus Suso e Tomás e mais Brais Fernández e José Manuel, para acabaren Thais e Sonia. Todos o fixeron excelentemente e o público gozou co contido dos atranques. Tamén veu a televisión -grazas a Maribel Rodríguez- e os nosos nenos foron entrevistados para saíren en directo no programa da CRTVG “A Revista“. Aquí vos deixamos a ligazón para que poidades lembrar o que se fixo no centro.
http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/a-revista-526561 (pinchar no minuto 12’04)
Só nos queda agradecerlle a súa participación a toda a comunidade (incluíndo neste caso as familias, xa que acompañando aos que deron os atranques estiveron curmáns, avós e madriñas ademais de nais e pais) e despedirnos até o entroido que vén 😉
Velaquí algunhas fotos dese día 😉
Dragóns? Habelos, hainos
27 XanAlgo teñen os seres fantásticos e fabulosos, porque son moitísimas e moi variadas as mostras que a literatura universal nos deu ao longo da historia. Desde os tempos máis remotos, o ser humano sentiuse especialmente atraído por unha caterva de seres fantásticos e míticos de entre os que sobresae o fabuloso, fero e voraz dragón. Sería interminable facer unha achega detallada das obras literarias que centraron a súa atención neste máxico ser; por iso imos referirnos só á triloxía escrita por Elena Gallego Abad, esa na que un dragón galego –Dragal-, encarnado nun rapaz que ben podería ser calquera dos nosos estudantes de secundaria, nos fai vivir unha aventura na que encontramos lendas, cabaleiros medievais, alquimia, profecías … unha excelente mestura de realidade, historia e ficción que nos mantén enganchados na súa lectura.
- Dragal I, A herdanza do dragón, 2010, Xerais.
- Dragal II. A metamorfose do dragón, 2011, Xerais.
- Dragal III. A fraternidade do dragón, 2012, Xerais.
O noso alumnado achegouse a Dragal o curso pasado lendo a primeira entrega (Dragal I). Como a novela gustou moito, este curso volvémola seleccionar entre as lecturas de 1º da ESO e engadimos Dragal II ás daqueles estudantes de 2º da ESO que xa coñecían as aventuras de Hadrián, Mónica e Dragal: outro éxito. Moitos xa están lendo Dragal III ou xa o acabaron e estánllelo recomendando aos demais estudantes, o que demostra que o boca boca segue sendo un dos mellores xeitos de espallar a literatura. Este mesmo alumnado foi o que o venres (24 de xaneiro) tivo ocasión de coñecer a autora da triloxía, da man de Edicións Xerais de Galicia, de facerlle preguntas sobre os personaxes ou as historias contidas nas novelas e de que Elena Gallego lles asinara os libros que levaran canda eles ao salón de actos do noso centro.
Deixamos aquí unhas fotos e agardamos os vosos comentarios. Mentres tanto, seguide soñando a través da literatura na nosa lingua.
Eis unhhas ligazóns que vos van dar moita información sobre a autora e as súas novelas.
http://www.dragal.eu/a_novela_1.html
http://xerais.blogaliza.org/tag/dragal/
Velaquí a última entrevista a Elena Gallego Abad:
Deitado frente ao mar. Unha semana de emocións e poesía que deu o seu froito
14 Xan
Cando a finais do mes de novembro recibimos a convocatoria da CEDNL (Coordinadora de Equipos de Dinamización e Normalización Lingüística) para participarmos no Recitando Celso Emilio e a proposta foi transmitida ao alumnado, xa vimos que ía ser unha actividade na que todos se ían implicar a fondo. Empezamos falando de como facer o noso recitado do poema, logo fomos recibindo e apuntando suxestións e ideas e cando xa nos pareceu que aquilo tiña corpo, puxémonos a traballar. Iamos escoitar os versos de Celso Emilio na voz do noso alumnado e gravariamos un vídeo.
Nas semanas seguintes, a participación do alumnado do EDNL do propio centro foi decisiva para animar os seus compañeiros (todos están agora nos títulos de crédito); foino, sen dúbida, a de Sergio Clavero (profesor do Departamento de Debuxo e coordinador de Aturuxo Films), que fixo as gravacións dos recitados incansable e á procura do mellor de cada participante, mais tamén a montaxe do vídeo que axiña esperamos ver xunta os dos demais centros participantes(http://coordinadoraendl.org/recitandocelsoemilio/celso.php, http://www.youtube.com/results?search_query=deitado+frente+ao+mar&page=1). Ademais, na hora e data sinaladas (12-12-12 ás 12:00 h.) fíxose o envío masivo do lema proposto pola CEDNL desde practicamente todas as aulas do centro, intervindo tanto o alumnado coma o profesorado.
Un mes despois, o vídeo está montado e listo. Se estades lendo este artigo, xa podedes velo neste blog, pero durante esta semana tamén o ides poder ver no Salón de Actos do centro. Vémonos por alí, unidos pola lingua e a poesía, lembrando a Celso Emilio Ferreiro.
http://celsoemilioferreiro.org/fonoteca/ (se queres escoitar a voz do poeta)
Pasou no IES Cacheiras: algunhas actividades desta primeira parte do curso 12-13
27 DecEn setembro, case a finais de mes (24), o alumnado encheu o salón de actos para asistir a unha Jam Session con Xacobe Martínez Antelo Standard Quartet. Na prensa encontramos este artigo:
24 LUNS | IES CACHEIRAS
Encontro ao vivo con músicos de jazz
Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo), Pablo Castaño (saxo alto), Marcos Pin (guitarra), Max Gómez (batería)
O grupo Chévere e o IES de Cacheiras manterán unha colaboración estable ao longo do curso académico, que se materializará nunha serie de actividades entre as que se inclúe esta visita ao centro dun grupo de músicos de jazz para realizar un encontro e concerto comentado aberto a todo o alumnado e profesorado. O obxectivo é tender pontes entre os profesionais das artes vivas galegas e os rapaces e rapazas do instituto.
Tamén en colaboración co grupo Chévere, os días 4 e 5 deste mes, un dos grupos premiados no Samaín (primerio premio compartido: 1ºESO-C) gozou aprendendo no obradoiro Danza en Teo. En REDENASA.TV encontramos esta imaxe:
E o venres 14, todo o alumnado de 2ºESO-D (gañadores tamén do 1º premio de Samaín) asistiu ao obradoiro de hip-hop e monicreques (TITEREHOP) con García MC á fronte. No seu facebook atopamos esta fotografía:
E no blog de TITEREHOP, podedes ver unha gravación froito do traballo conxunto de García MC co alumnado: http://titerehop.wordpress.com/page/2/
Acabamos este ano 2012, pero seguimos a traballar. Agradecemos o traballo de todas as persoas da comunidade educativa que, desinteresadamente e con interese, colaboran e participan nas nosas actividades; pero como non podía ser doutro xeito, mostramos a nosa gratitude ao Concello de Teo e á compañía residente no concello, Chévere, que conxuntamente nos fan parte dos seus proxectos e das súas actividades.
A narración colectiva de Culturgal 2012
27 DecPedímoslles a unha manchea de escritores e escritoras que nos axudaran a construír unha narración colectiva para Culturgal 2012 e este é o resultado…
Detonar a túa impunidade, ese é o meu obxectivo. E como preciso un plan de combate co que abater esa chularía que exhibes, inxiro un cóctel de pólvora, dous xeos e cola, acurrálote e espétoche: (1)
-Gffhhhh -ou algo así.
Parece que hai un problema.
-Gffhhhh.
Probo outra vez:
-Gffhhhh.
Óllasme como a un réptil. O cóctel, con toda a pólvora, etcétera, arrefría dentro. Súo, claro. (2)
Miro dentro do cóctel, un dos xeos reflicte o teu ollar de saurio primitivo. No outro debúxase, distorsionada, a miña boca reseca pola ansiedade. Tampouco pasará nada se fallo, penso. Ofrézoche o vaso. (3)
Mais a min, que estou do outro lado, ensináronme de pequena a non beber e adoito non cambiar as miñas conviccións a menos que me convenzan de xeito cabal. Dime, logo, cales son os teus argumentos? (4)
Dous
Tras ler aqueles escritos adolescentes das miñas alumnas, asimilei que xamais podería evitar que malgastasen tanto tempo, espazo e carne.
Argumentar?
Iso borrase da alma canda a primeira felación practicada/recibida (5), como tantas outras esvaecen logo da epifanía dos sentidos, mais logo retornan ou non seguindo a doce aleatoria das lembranzas. Malgastar, por certo… que dixen? Iso é un prexuízo dos peores:”o tempo é ouro” e outras andrómenas castradoras. (6)
– O tempo é ouro e a pasividade contrarrevolucionaria! –exclamou Verne co seu habitual entusiasmo, poñendo fin ás discusións e retomando a camiñada.
Oíron un disparo xusto cando a cabeza dun dos cans estoupaba no aire. (7) Levei a man a meixela e retireina manchada de sangue. Non sabía se era meu –porque daquela eu xa perdera en grande medida a capacidade, a beizón de sentir dor- ou do animal. O corpo descabezado do can aínda se retorcía no chan, como unha miñoca. (8)
Daquela, o corpo separado do seu espírito que lentamente ía despregándose e comezaba a súa nova existencia como outro espectador máis do que alí acontecera. A xente amoreábase ao redor do can xa morto mentres o espírito deste buscaba acougo noutro corpo, esta vez nun de nena fermosa e asustada pola indiferencia dos transeuntes. Así, coa súa mirada perdida conquistou a este novo habitante do seu corpo. (9)
Observounos introvertidos. Perdidos nas illas dunha revolución incruenta, protexidos polo rebumbio dos cócteles de palabras e a ignorancia do frío que vai sempre fóra. O primeiro disparo foi en van. Non era o seu negocio entender e unha mira telescópica non é boa para planos xerais. O primeiro fallo abocouno a apuntar contra o grupo. Arrimou o ollo e mandoulle un paneo no mesmo sentido en que debería avanzar a historia, de dereita a esquerda. Pero algún sentido teñen que ter os tiros. Cando menos servirán de advertencia. Mentres buscaba un obxectivo, mentres chamaba pola concentración co mantra busca inimigos á altura das túas posibilidades, baixoulle a respiración e deuse un segundo de recreo para desfrutar co dedo vencendo a suavidade do gatillo. A bala asubiou unha sentenza antes de impactar: que sós quedan os conselleiros cando desaparecen os asasinos. (10)
Cada número marca a fin dunha achega. Os autores e autoras foron Anxos Sumai, Begoña Caamaño, Camilo Franco, Eva Moreda, Iolanda Zúñiga, María Reimóndez, Menchu Outón, Samuel L. París, Samuel Solleiro e Xavier Queipo. Pero non nesta orde, claro!
Atréveste a adiviñar quen escribiu cada pedazo? Veña, xoga un pouco. Mañá a esta mesma hora resolvemos o misterio 😉
Eurozone, a nova obra dos Chévere. Seguídea na rede
27 DecEurozone quere ser un thriller político sobre a fin da idea de Europa ambientado na profunda crise actual do sistema. Un achegamento a este gran atraco especulativo ao máis puro estilo Tarantino e co referente directo de Reservoir Dogs. Políticos e banqueiros en lugar de gángters, arquitectura-espectáculo en lugar de almacéns, o estado do benestar europeo en lugar de xoias. E a capacidade de Chévere para saír airoso de tal pastiche.
Eurozone é un traballo sobre un dos maiores relatos colectivos construídos na época contemporánea: a reconstrución da idea de Europa despois da 2ª Guerra Mundial. Como toda historia, ten un principio, un desenvolvemento e un final. Eurozone parte do suposto de que neste momento da historia estamos participando na escrita do seu final. E consideramos que hai que contribuír a este último capítulo non só como cidadáns, senón tamén como creadores, porque non debemos deixar que sexan mans alleas as que redacten o relato da historia, que tamén é a nosa historia.
A aceleración dos sucesos que integran esta historia e a rapidez coa que podemos intervir, intercambiar, comentar, modificar estes acontecementos fan que a nosa participación na historia sexa máis intensa que nunca. Máis presente. Máis horizontal. Pasamos dunha historia con todos os dereitos reservados a unha historia de código aberto que se pode transitar, compartir, intercambiar, rescribir, transformar…
Eurozone é unha resposta apaixoada ao tempo que nos tocou vivir, é a nosa aportación ao debate do presente. Isto é teatro feito a pé de rúa. Teatro actual manufacturado en Galicia con toda a ambición posible xusto nun momento de parálise económica e cultural.
Eurozone é un traballo en proceso, segue a metodoloxía de creación colectiva establecida polo grupo Chévere ao longo dos anos e refrendada polo recoñecemento do público, dos profesionais e dos medios.
Eurozone é unha aposta por achegar ao público galego espectáculos de creación contemporánea de calidade e gran formato.
Eurozone é un thriller político sobre o fin da idea de Europa.
Ligazóns:
http://redenasa.tv/gl/eurozone/
http://redenasa.tv/gl/eurozone/texto/sinopse/
http://redenasa.tv/gl/eurozone/post/2842/
Club de Debate 2013- A primeira xornada: formación (nos Tilos- Teo)
20 DecCELÉBRASE UNHA XORNADA DE FORMACIÓN NOS TILOS PARA O CLUB DE DEBATE
NO QUE PARTICIPA ALUMNADO DOS CONCELLOS DE AMES, ROIS, SANTIAGO E TEO
18/12/2012
Na Comarca de Compostela xa se está traballando dende hai semanas e hoxe mesmo realizouse unha xornada de formación cos equipos anotados de Santiago, Ames , Rois e Teo na Casa Común dos Tilos. A actividade, que durou toda a mañá, centrouse en traballar as técnicas de oralidade e habilidades sociais e comunicativas. A maiores diso abordáronse as técnicas de compilación e tratamento da información para enfrontarse a un tema de debate. O traballo cos case 100 estudantes que participaron nesta xornada de formación combinou o traballo máis regrado coas dinámicas de grupo, técnicas de rol, prácticas de comunicación non verbal…
A mañá rematou cunha simulación de debate por equipos. A Casa Común dos Tilos acolleu catro equipos dos centros composteláns IES Antonio Fraguas e do Colexio Compañía de María; catro equipos do IES de Ames; un equipo do CPI Plurilingüe dos Dices de Rois; un equipo do IES Macías o Namorado de Padrón, un equipo do IES Camilo José Cela tamén de Padrón e un equipo do IES de Cacheiras-Teo.
Esta actividade formativa servirá para darlle ferramentas ao alumnado e ao profesorado para mellorar as técnicas de debate de cara á fase comarcal que se celebrará en Bertamiráns (Ames) a primeiros de abril. Os equipos gañadores deste primeiro enfrontamento participarán na fase final que se celebrará en Santiago de Compostela o 4 de maio. O equipo gañador da fase galega conseguirá un premio dunha viaxe dunha fin de semana para 25 persoas.
A participación no Club de Debate busca incentivar entre os máis novos/as o emprego da lingua, traballar a fluidez comunicativa a través da oratoria ademais de incitar o pensamento crítico e a tolerancia. Está dirixido aos escolares de 3º e 4º da ESO ou 1º de Bacharelato.
Alí estivo tamén o noso grupo de debate, formado por: Rita García, Silvia Barros, Uxía Dono, Manuel Duro, Giulia Podda, Martina Rey, Tamara Soto, Mencía Suárez, Alicia Vila e Noelia Villar. Agora haberá que irse preparando para estaren a punto en abril, mes en que empezan os debates comarcais. Sorte a todos os participantes 😉
Deitado frente ao mar. Celso Emilio Ferreiro na nosa voz
9 DecDeitado frente ao mar
Lingua proletaria do meu pobo,
eu fáloa porque si, porque me gosta,
porque me peta e quero e dáme a gana;
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos avós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.
Eu fáloa porque si, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingua.
Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruíns e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os baleiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que aguantan rexamente
mentiras e inxustizas decotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de bolboretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño…
Mércores, 12-12-12. Ligazóns que nos interesan:http://coordinadoraendl.org/recitandocelsoemilio/celso.php
http://celsoemilioferreiro.org/
http://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=CelFerre&alias=Celso+Emilio+Ferreiro
http://sondepoetas.blogspot.com.es/2009/05/deitado-frente-ao-mar-celso-emilio.html
http://gavieira.blogspot.com.es/2012/03/deitado-frente-ao-mar-on-photopeach.html
http://www.crtvg.es/crtvg/arquivo/categoria/celso-emilio-ferreiro
https://sites.google.com/site/poemascelsoemilioferreiro/home
http://www.ivoox.com/poesia-poetas-celso-emilio-ferreiro-audios-mp3_rf_1418436_1.html
http://www.aelg.org/resources/didacticspace/units/didactic22/DW_didactic22_1.pdf
Martes 27 de novembro: II Xornadas das Ciencias
21 NovXORNADAS DAS CIENCIAS: Discurshow. Xurxo Mariño e Vicente de Souza
Se hai unhas semanas boa parte do alumnado do noso centro tivo a oportunidade de compartir unha singular experiencia a través das oito sesións que os técnicos de Ceo Aberto levaron a cabo no Salón de Actos, este martes, día 27 de novembro, ese mesmo alumnado vai poder participar na segunda parte destas xornadas.
Nesta ocasión, o actor Vicente de Souza e Xurxo Mariño achegarán o noso alumnado ao fascinante e incrible mundo dos protóns co seu Discurshow. A xornada terá lugar no a partir das 16:30 horas no auditorio da A. C. Rosalía de Castro, hora en que comeza a representación. A actividade, que contou cunha moi boa recepción na súa primeira xornada, está organizada pola Anpa do IES Cacheiras e a Vicedirección, xunto cos departamentos de Ciencias e de Física e Química, e está patrocinada polo Concello de Teo, activo colaborador das actividades que se propoñen desde o centro, ademais de organizador de xornadas de música, teatro etc.
Só esperamos que a través desta representación teatral, o noso alumnado aprenda dunha maneira lúdica e entretida. Xa nos contarán! Polo de agora, deixámosvos aquí algunhas ligazóns: