Comunicado da CGENDL sobre a situación da lingua no ensino trala anulación parcial do Decreto de Plurilingüismo

19 Mar

Acabamos de recibilo!!!!

 

Comunicado da CGENDL sobre a situación da lingua no ensino trala anulación parcial do Decreto de Plurilingüismo

   Desde a Coordinadora Galega de ENDL (CGENDL) queremos comunicarlle a toda a comunidade escolar que, dado que a Consellería de Educación se resiste a recoñecer que o Decreto 79/2010 para o Plurilingüismo atenta contra a propia Lei de Normalización Lingüística (LNL) nos artigos que se declararon nulos polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), faise necesario aclarar certos aspectos da súa aplicación a partir deste momento. Como CGENDL, gustaríanos manifestar cal é a nosa interpretación do proceso xurídico que afectou ao Decreto de Plurilingüismo; así mesmo, trataremos de matizar certos posicionamentos públicos da Xunta de Galicia, pois entendemos que non contribúen a reconducir a política lingüística cara a un necesario enfoque pedagóxico. Por tanto, afirmamos:

1. Os usos da lingua galega no ensino non universitario polo momento seguen rexidos polo Decreto do Plurilingüismo (D79/2010) que se aprobou apoiado en dúas ideas base:

a. A presunta posibilidade de escolla –por parte das familias- da lingua de ensino para as súas fillas e fillos.

b. O hipotético dereito do alumnado a usar a lingua da súa preferencia, independentemente da lingua vehicular de cada materia.

2. Estes dous argumentos foron invalidados polo TSXG ao anular os dous artigos do devandito Decreto 79/2010 que aluden a estas cuestións: o 5.2, que se refire a que a lingua en educación infantil se vai decidir a través dunha enquisa efectuada ás familias do alumnado; e o 12.3, que lle permitía empregar ao alumnado o castelán cando a materia se imparta en galego (pois é nos ámbitos urbanos castelanfalantes onde se producen as protestas dunha ínfima porcentaxe de discentes e familias por teren que aprender na lingua propia de Galicia que, supostamente, lles é descoñecida.

3. A Xunta de Galicia segue teimando en realizar a consulta ás familias, mais segundo o ditado polo TSXG:(…) os poderes públicos teñen encomendada a programación xeral do ensino, de cuxa potestade a Administración, neste caso Educativa, non pode abdicar, sometendo a votación un aspecto tan fundamental como a lingua a empregar na etapa de educación infantil (…) Non cabe dúbida de que a dita abdicación da potestade de ordenación xeral do ensino ten lugar cando se establece que o profesorado usará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, reputando decisivo para determinala o resultado dunha pregunta que se lles efectuará aos pais, nais, titores/as ou representantes legais do alumnos antes do comezo do curso escolar acerca da lingua materna da súa filla ou fillo. Polo tanto, a Xunta de Galicia non pode menosprezar a legalidade e pretender determinar a lingua do ensino en educación infantil a través de ningunha enquisa, tal e como se fixo en cursos anteriores, xa que non respecta o que formula o artigo 13.1 da Lei de Normalización Lingüística (LNL) nin o establecido no Plan Xeral de normalización da lingua galega (PXNLG).

4. Desde a administración autonómica estáselle a pedir ao profesorado “flexibilidade” para que se lle permita ao alumnado empregar a lingua da súa preferencia, é dicir, o castelán. Mais non se pode esquecer que persiste unha situación social de enorme desigualdade entre galego e castelán, a favor desta última, propiciada tanto por prexuízos históricos como por posicionamentos políticos e mediáticos moi agresivos contra as linguas minorizadas. Estas circunstancias fan imprescindible que a escola funcione como un espazo de socialización onde o alumnado poida adquirir competencia plena na lingua propia da súa comunidade.

A sentenza do TSXG invalida o precepto 12.3 desde unha tripla perspectiva xurídica:

a) segundo a LNL e a doutrina do Tribunal Constitucional, a lingua galega será con carácter xeral o vehículo de comunicación no ensino non universitario.

b) segundo os Tribunais Supremo e Constitucional, a lingua no ensino non pode estar condicionada pola liberdade de opción das persoas interesadas.

c) rómpese o fomento do uso progresivo do galego no ensino que marca a LNL.

Por conseguinte, dálles a razón ás organizacións demandantes que argumentaban que o alumnado precisaba aínda de consolidar as súas destrezas en lingua galega, nas diferentes materias.

Aclarado todo isto, a CGENDL considera:

a. que o goberno autonómico debe reconsiderar as estratexias de promoción da nosa lingua e debe asumir como deber inescusable as potencialidades que posúe o sistema educativo como axente efectivo tanto para a normalización do galego como para a integración social e comunitaria.

b. que se fai necesario aplicar os principios xerais da Lei de Normalización Lingüística, e que, sen renunciar ao obxectivo do plurilingüismo, se garanta que o alumnado adquira unha competencia plena en lingua galega ao rematar o ensino obrigatorio.

c. que a Xunta de Galicia, e os seus portavoces ante a sociedade, deixen de fomentar preconceptos en contra da promoción social do galego, pois deben actuar con enorme responsabilidade e altura política nun momento moi crítico para a transmisión interxeracional da nosa lingua.

d. que as autoridades educativas fomenten sen complexos a presenza do idioma en calquera materia, nomeadamente nas científicas e tecnolóxicas e que lles permitan adoptar aos centros aquelas medidas normalizadoras que se adapten ao seu contexto e impliquen, na medida do posible, a toda a comunidade.

Galicia, 18 de marzo de 2013

Coordinadora Galega de ENDL

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: