Manifesto censurando o recurso de casación perante o Tribunal Supremo, contra as recentes sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

16 Feb
Hai uns días que nos chegou esta petición:
Prezadas amigas e amigos
un grupo amplo e plural de persoas de distintas tendencias, profesións e condicións estamos tentando difundir un manifesto censurando o recurso de casación perante o Tribunal Supremo, contra as recentes sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que a Consellaría de Educación da Xunta de Galicia acaba de anunciar que está preparando.

            Velaquí o manifesto:

 A XUNTA DEBE ACATAR A SENTENZA DO TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA DE GALICIA

FEIJOO NON DEBE LEVAR O IDIOMA GALEGO AO TRIBUNAL SUPREMO

   A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia acaba de anunciar que está realizando os trámites previos á presentación dun recurso de casación diante do Tribunal Supremo contra as sentenzas ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o decreto chamado do plurilingüismo aprobado pola Xunta en 2010. Na nota oficial en que dá conta desta desafortunada iniciativa, a Consellería afirma que condiciona a non presentación -ou no seu caso a retirada- do dito recurso de casación, a que “os recorrentes e a oposición” acepten a proposta formulada hai máis dun mes polo presidente da Xunta:  segundo tal proposta, estes deben dar o seu aval ao devandito decreto do plurilingüismo, unha vez depurado dos aspectos que o TSXG estima contrarios á legalidade.

   Resulta verdadeiramente lamentable que o goberno e o Partido Popular non tirasen as conclusións derivadas das sentenzas do TSXG, en tanto que estas desautorizan de cheo aspectos básicos dun decreto que no seu día foi aprobado pola Xunta a pesar de contar con informes contrarios do Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, o Consello Escolar de Galicia e o propio Consello Consultivo de Galicia. Agora, no canto de aproveitaren a ocasión para reconducir unha liña desastrosa de deslexitimación, desoficialización e desprestixio do idioma do país (e de paso, da propia autonomía e as súas institucións), o Partido Popular e o goberno de Feijoo teiman en botar máis leña ao lume.

   É incomprensible que o Presidente da Xunta pretenda condicionar unha rectificación imposta xuridicamente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a que a oposición e os recorrentes se aveñan a aceptar como idóneo un decreto indefendible, rotundamente descualificado polas devanditas institucións e organismos, así como pola maioría dos expertos e da comunidade educativa, ademais de contestado masivamente pola cidadanía.

   Pero o que provoca escándalo é que o goberno do Partido Popular pretenda outorgar ao Tribunal Supremo a última palabra nunha materia xa xulgada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e que o Estatuto de Autonomía de Galicia reserva como competencia exclusiva á nosa autonomía  (art. 27, 20 do EAG). A presentación do devandito recurso de casación constituiría non só unha aldraxe (outro máis) ao idioma do país, senón un desprezo ás nosas institucións e unha rotunda descualificación da propia autonomía.

   O que ao idioma galego lle cómpre son políticas activas de apoio e promoción no ámbito do ensino e nos demais ámbitos, políticas que deben fundarse nun amplo consenso político e social, como o plasmado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado polo Parlamento de Galicia en 2004. O propio Parlamento de Galicia pode ser un lugar apropiado para fraguar as bases para tal consenso, non o Tribunal Supremo de Madrid.

   O que Galicia precisa é un Presidente e un goberno que confíen nas nosas propias institucións, que crean no autogoberno e que miren por riba de todo polos nosos intereses colectivos. Alberto Núñez Feijoo debe renunciar de vez a continuar cun obsceno xogo partidista -ou peor aínda, personalista- a custa do noso idioma e da nosa dignidade. A Xunta de Galicia cometería unha infamia arrastrando o idioma galego ao Tribunal Supremo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: