Arquivo | Febreiro, 2013

Ana Moura no Auditório da Galiza (Santiago de Compostela)

19 Feb

http://www.youtube.com/watch?v=GKCJgDCA5Bo

    Desfado, quinto álbum de Ana Moura, toma o seu nome dun dos dous temas compostos para a artista por Pedro da Silva Martins, da banda Deolinda. Desfado é un punto de inflexión na carreira de Ana Moura, denotando a súa influencia pop e dirixido a un mercado internacional e a unha nova audiencia portuguesa.

   Xunto aos habituais do fado, –Ana Moura inclúe tamén unha canción deVirgem Suta, Miguel Araújo, Luísa Sobral, Pedro Abrunhosa y Manuel Cruz son algúns dos participantes.– O principal propósito era cantar cancións compostas especialmente para ela por persoas da súa propia xeración, pero que eran alleos ao fado: Virgem Suta, Miguel Araújo, Luísa Sobral, Pedro Abrunhosa e Manuel Cruz son algúns dos participantes. O primeiro single, Até ao Verão, foi escrito por Márcia. Aquí, Ana Moura parécese extraordinariamente a Lhasa de Sela.

    En canto aos músicos, Ana Moura mantén a referencia ao fado –guitarra portuguesa de Ângelo Freire e viola de fado interpretada por Pedro Soares–, incorporando tamén a colaboración do contrabajista David Piltch (Bob Dylan, K. D. Lang), o guitarrista Dean Parks (Marvin Gaye, Stevie Wonder), o percusionista Jay Bellerose (Aimee Man, Ani DiFranco), o teclista Patrick Warren (Fiona Apple, Bruce Springsteen), o violinista Freddy Koella (Lhasa, Carla Bruni) e o saxofonista quintaesencial Tim Ries, o home que a presentou aos Rolling Stones e levouna a cantar No Expectations e Brown Sugar.

  Ana Moura prepara unha revolución na súa música, convocando ao seu lado a unha estrela convidada especial internacional: o lendario músico de jazz Herbie Hancock que foi incorporado ao proxecto por Larry Klein quen produciu Desfado.

   Non hai outra voz no fado como a de Ana Moura (Ribatejo, Santarém, 1979). Unha voz que se pasea libremente pola tradición, pero que flirtea elegantemente coa música pop, ampliando o espectro do fado, tan típico de Lisboa, dunha maneira moi persoal. Pero o que a sitúa á parte é non só o timbre grave e sensual, tan único: Ana Moura transforma instantaneamente calquera melodía á que presta a súa voz e convértea en fado. É unha faísca inmediata, unha explosión emocional dirixida implacablemente ao corazón do oínte.

Cando e onde:
Venres 22 febreiro 2013 21:00 Auditorio de Galicia  Avda. do Burgo das Nacións  981 574 152 / 981 552 290
Prezo das entradas:
15€ anticipada
22€ billeteira
Puntos de venda:
Billeteira do Teatro Principal. Aberta de martes a sábado (+ días de evento) de 18.00 a 21.00h.
No Lusopatia, há dias, pudemos ler: http://lusopatia.wordpress.com/
Podem também dar uma vista de olhos ao seu site oficial: http://www.anamoura.com.pt/

Manifesto censurando o recurso de casación perante o Tribunal Supremo, contra as recentes sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

16 Feb
Hai uns días que nos chegou esta petición:
Prezadas amigas e amigos
un grupo amplo e plural de persoas de distintas tendencias, profesións e condicións estamos tentando difundir un manifesto censurando o recurso de casación perante o Tribunal Supremo, contra as recentes sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que a Consellaría de Educación da Xunta de Galicia acaba de anunciar que está preparando.

            Velaquí o manifesto:

 A XUNTA DEBE ACATAR A SENTENZA DO TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA DE GALICIA

FEIJOO NON DEBE LEVAR O IDIOMA GALEGO AO TRIBUNAL SUPREMO

   A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia acaba de anunciar que está realizando os trámites previos á presentación dun recurso de casación diante do Tribunal Supremo contra as sentenzas ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o decreto chamado do plurilingüismo aprobado pola Xunta en 2010. Na nota oficial en que dá conta desta desafortunada iniciativa, a Consellería afirma que condiciona a non presentación -ou no seu caso a retirada- do dito recurso de casación, a que “os recorrentes e a oposición” acepten a proposta formulada hai máis dun mes polo presidente da Xunta:  segundo tal proposta, estes deben dar o seu aval ao devandito decreto do plurilingüismo, unha vez depurado dos aspectos que o TSXG estima contrarios á legalidade.

   Resulta verdadeiramente lamentable que o goberno e o Partido Popular non tirasen as conclusións derivadas das sentenzas do TSXG, en tanto que estas desautorizan de cheo aspectos básicos dun decreto que no seu día foi aprobado pola Xunta a pesar de contar con informes contrarios do Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, o Consello Escolar de Galicia e o propio Consello Consultivo de Galicia. Agora, no canto de aproveitaren a ocasión para reconducir unha liña desastrosa de deslexitimación, desoficialización e desprestixio do idioma do país (e de paso, da propia autonomía e as súas institucións), o Partido Popular e o goberno de Feijoo teiman en botar máis leña ao lume.

   É incomprensible que o Presidente da Xunta pretenda condicionar unha rectificación imposta xuridicamente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a que a oposición e os recorrentes se aveñan a aceptar como idóneo un decreto indefendible, rotundamente descualificado polas devanditas institucións e organismos, así como pola maioría dos expertos e da comunidade educativa, ademais de contestado masivamente pola cidadanía.

   Pero o que provoca escándalo é que o goberno do Partido Popular pretenda outorgar ao Tribunal Supremo a última palabra nunha materia xa xulgada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e que o Estatuto de Autonomía de Galicia reserva como competencia exclusiva á nosa autonomía  (art. 27, 20 do EAG). A presentación do devandito recurso de casación constituiría non só unha aldraxe (outro máis) ao idioma do país, senón un desprezo ás nosas institucións e unha rotunda descualificación da propia autonomía.

   O que ao idioma galego lle cómpre son políticas activas de apoio e promoción no ámbito do ensino e nos demais ámbitos, políticas que deben fundarse nun amplo consenso político e social, como o plasmado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado polo Parlamento de Galicia en 2004. O propio Parlamento de Galicia pode ser un lugar apropiado para fraguar as bases para tal consenso, non o Tribunal Supremo de Madrid.

   O que Galicia precisa é un Presidente e un goberno que confíen nas nosas propias institucións, que crean no autogoberno e que miren por riba de todo polos nosos intereses colectivos. Alberto Núñez Feijoo debe renunciar de vez a continuar cun obsceno xogo partidista -ou peor aínda, personalista- a custa do noso idioma e da nosa dignidade. A Xunta de Galicia cometería unha infamia arrastrando o idioma galego ao Tribunal Supremo.

Entroido-Atranques

15 Feb

   Imagen 066

     Este ano vimos de celebrar o entroido no centro con moitas actividades e, por que non dicilo, con moi boa acollida por parte da comunidade escolar. Foi o primeiro ano que as actividades non se fixeron dentro das aulas, co que toda a xente puido gozar das comparsas, da mascarada, das actuacións e mais dos atranques. Houbo música ao vivo, coa animación de Diana e a colaboración dos nosos músicos (Rocío, Jéssica, Noelia, Xiana, Antía, Miguel e Pablo), houbo orellas, filloas e roscas, houbo troula… e houbo atranques.

Imagen 049

     Neste entroido déronse, nin máis nin menos ca seis atranques, pero tamén se deron as vivas ao Director e a toda a comunidade escolar. Empezaron Nerea e José, seguíronos Hugo e Brais Botana -os donos das bestas-, logo deron os seus Suso e Tomás e mais Brais Fernández e José Manuel, para acabaren Thais e Sonia. Todos o fixeron excelentemente e o público gozou co contido dos atranques. Tamén veu a televisión -grazas a Maribel Rodríguez- e os nosos nenos foron entrevistados para saíren en directo no programa da CRTVG “A Revista“. Aquí vos deixamos a ligazón para que poidades lembrar o que se fixo no centro.

http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/a-revista-526561  (pinchar no minuto  12’04)

    Só nos queda agradecerlle a súa participación a toda a comunidade (incluíndo neste caso as familias, xa que acompañando aos que deron os atranques estiveron curmáns, avós e madriñas ademais de nais e pais) e despedirnos até o entroido que vén 😉

        Velaquí algunhas fotos dese día 😉