Arquivo | Xaneiro, 2013

Dragóns? Habelos, hainos

27 Xan

   Algo teñen os seres fantásticos e fabulosos, porque son moitísimas e moi variadas as mostras que a literatura universal nos deu ao longo da historia. Desde os tempos máis remotos, o ser humano sentiuse especialmente atraído por unha caterva de seres fantásticos e míticos de entre os que sobresae o fabuloso, fero e voraz dragón. Sería interminable facer unha achega detallada das obras literarias que centraron a súa atención neste máxico ser; por iso imos referirnos só á triloxía escrita por Elena Gallego Abad, esa na que un dragón galego  –Dragal-, encarnado nun rapaz que ben podería ser calquera dos nosos estudantes de secundaria, nos fai vivir unha aventura na que encontramos lendas, cabaleiros medievais, alquimia, profecías … unha excelente mestura de realidade, historia e ficción que nos mantén enganchados na súa lectura.

  • Dragal I, A herdanza do dragón, 2010, Xerais.
  • Dragal II. A metamorfose do dragón2011, Xerais.
  • Dragal III. A fraternidade do dragón2012, Xerais.

    O noso alumnado achegouse a Dragal o curso pasado lendo a primeira entrega (Dragal I). Como a novela gustou moito, este curso volvémola seleccionar entre as lecturas de 1º da ESO e engadimos Dragal II ás daqueles estudantes de 2º da ESO que xa coñecían as aventuras de Hadrián, Mónica e Dragal: outro éxito. Moitos xa están lendo Dragal III ou xa o acabaron e estánllelo recomendando aos demais estudantes, o que demostra que o boca boca segue sendo un dos mellores xeitos de espallar a literatura. Este mesmo alumnado foi o que o venres (24 de xaneiro) tivo ocasión de coñecer a autora da triloxía, da man de Edicións Xerais de Galicia, de facerlle preguntas sobre os personaxes ou as historias contidas nas novelas e de que Elena Gallego lles asinara os libros que levaran canda eles ao salón de actos do noso centro.

        Deixamos aquí unhas fotos e agardamos os vosos comentarios. Mentres tanto, seguide soñando a través da literatura na nosa lingua.

Eis unhhas ligazóns que vos van dar moita información sobre a autora e as súas novelas.

http://www.dragal.eu/

http://www.dragal.eu/a_novela_1.html

http://blog.xerais.es/2012/dragal-un-universo-de-alquimia-catacumbas-bibliotecas-misteriosas-maxia-e-fantasia-coa-forza-do-dragon-entrevista-de-carme-vidal-a-elena-gallego-abad/

http://xerais.blogaliza.org/tag/dragal/

Velaquí a última entrevista a Elena Gallego Abad:

http://blog.xerais.es/2013/elena-gallego-abad-os-rapaces-e-rapazs-que-len-dragal-acaban-sentindose-sentindo-protagonistas-entrevista-de-laura-blanco-casas/

Deitado frente ao mar. Unha semana de emocións e poesía que deu o seu froito

14 Xan

 

   Cando a finais do mes de novembro recibimos a convocatoria da CEDNL (Coordinadora de Equipos de Dinamización e Normalización Lingüística) para participarmos no Recitando Celso Emilio e a proposta foi transmitida ao alumnado, xa vimos que ía ser unha actividade na que todos se ían implicar a fondo. Empezamos falando de como facer o noso recitado do poema, logo fomos recibindo e apuntando suxestións e ideas e  cando xa nos pareceu que aquilo tiña corpo, puxémonos a traballar. Iamos escoitar os versos de Celso Emilio na voz do noso alumnado e gravariamos un vídeo.

   Nas semanas seguintes, a participación do alumnado do EDNL do propio centro foi decisiva para animar os seus compañeiros (todos están agora nos títulos de crédito); foino, sen dúbida, a de Sergio Clavero (profesor do Departamento de Debuxo e coordinador de Aturuxo Films), que fixo as gravacións dos recitados incansable e á procura do mellor de cada participante, mais tamén a montaxe do vídeo que axiña esperamos ver xunta os dos demais centros participantes(http://coordinadoraendl.org/recitandocelsoemilio/celso.phphttp://www.youtube.com/results?search_query=deitado+frente+ao+mar&page=1). Ademais, na hora e data sinaladas (12-12-12 ás 12:00 h.) fíxose o envío masivo do lema proposto pola CEDNL desde practicamente todas as aulas do centro, intervindo tanto o alumnado coma o profesorado.

   Un mes despois, o vídeo está montado e listo. Se estades lendo este artigo, xa podedes velo neste blog, pero durante esta semana tamén o ides poder ver no Salón de Actos do centro. Vémonos por alí, unidos pola lingua e a poesía, lembrando a Celso Emilio Ferreiro.

http://celsoemilioferreiro.org/fonoteca/ (se queres escoitar a voz do poeta)

X edición do Festival Internacional da Lusofonía- Cantos na Maré

10 Xan

PGL – O próximo sábado, dia 12 de janeiro, terá lugar em Ponte Vedra a décima ediçom do Festival Internacional da Lusofonia – Cantos na Maré. A partir das 21h, quem se achegar ao palácio da cultura poderá desfrutar da música de artistas como o português Rui Veloso, o brasileiro Chico César, o moçambicano Cheny Wa Gune ou a galega María Xosé Silvar Sés.

Mais um ano, a direçom artística do evento corresponde à cantora Uxía, rosto e ícone do festival. Quanto à direçom musical, este ano produz-se o regresso de Paulo Borges para esta tarefa.

Venda de bilhetes

Os bilhetes podem-se comprar antecipadamente no telefone 902 504 500 e em www.servinova.com ao preço de 25 €. Se houver ainda localidades disponíveis, poderám-se comprar bilhetes no próprio dia 12 no palácio da cultura, a partir das 19h e ao preço de 30€.

As origens dos Cantos na Maré

Segundo a própria Uxía, as origens do festival estám em 2003, quando a Concelharia de Cultura de Ponte Vedra lhe encarregou elaborar um modelo de festival. A partir daí, ediçom após ediçom foi-se consolidando um projeto cultural pioneiro que “a través da língua e da música traça um mapa comum entre os territórios da Lusofonia que compartem raízes”.

Desde o começo, Cantos na Maré “evidencia que desde a língua galega se podem tender pontes que nos acheguem a outras culturas emergentes, à vez que situam a nossa cultura no mundo”.

Um festival destas caraterísticas é o melhor modo “de fundir os diversos géneros musicais e ritmos filhos da galeguia como se fossem da família: samba, morna, choro, alalá, rumba e baião aproveitando o legado musical que os galegos levaram além mar”, assinalava Uxía.