Arquivo | 14:26

Pasou no IES Cacheiras: algunhas actividades desta primeira parte do curso 12-13

27 Dec

En setembro, case a finais de mes (24), o alumnado encheu o salón de actos para asistir a unha Jam Session  con Xacobe Martínez Antelo Standard Quartet. Na prensa encontramos este artigo:

24 LUNS | IES CACHEIRAS

Encontro ao vivo con músicos de jazz 

 Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo), Pablo Castaño (saxo alto), Marcos Pin (guitarra), Max Gómez (batería)

O grupo Chévere e o IES de Cacheiras manterán unha colaboración estable ao longo do curso académico, que se materializará nunha serie de actividades entre as que se inclúe esta visita ao centro dun grupo de músicos de jazz para realizar un encontro e concerto comentado aberto a todo o alumnado e profesorado. O obxectivo é tender pontes entre os profesionais das artes vivas galegas e os rapaces e rapazas do instituto.

IMG_1523

    Tamén en colaboración co grupo Chévere, os días 4 e 5 deste mes, un dos grupos premiados no Samaín (primerio premio compartido: 1ºESO-C) gozou aprendendo no obradoiro Danza en Teo. En REDENASA.TV encontramos esta imaxe:

DANZA EN TEO

      E o venres 14, todo o alumnado de 2ºESO-D (gañadores tamén do 1º premio de Samaín) asistiu ao obradoiro de hip-hop e monicreques (TITEREHOP)  con García MC á fronte. No seu facebook atopamos esta fotografía:

GARCÍA NO IES

E no blog de TITEREHOP, podedes ver unha gravación froito do traballo conxunto de García MC co alumnado: http://titerehop.wordpress.com/page/2/

    Acabamos este ano 2012, pero seguimos a traballar. Agradecemos o traballo de todas as persoas da comunidade educativa que, desinteresadamente e con interese, colaboran e participan nas nosas actividades; pero como non podía ser doutro xeito, mostramos a nosa gratitude ao Concello de Teo e á compañía residente no concello, Chévere, que conxuntamente nos fan parte dos seus proxectos e das súas actividades.

A narración colectiva de Culturgal 2012

27 Dec

Pedímoslles a unha manchea de escritores e escritoras que nos axudaran a construír unha narración colectiva para Culturgal 2012 e este é o resultado…

          Detonar a túa impunidade, ese é o meu obxectivo. E como preciso un plan de combate co que abater esa chularía que exhibes, inxiro un cóctel de pólvora, dous xeos e cola, acurrálote e espétoche: (1)

-Gffhhhh -ou algo así.

            Parece que hai un problema.

-Gffhhhh.

            Probo outra vez:

-Gffhhhh.

            Óllasme como a un réptil. O cóctel, con toda a pólvora, etcétera, arrefría dentro. Súo, claro. (2)

            Miro dentro do cóctel, un dos xeos reflicte o teu ollar de saurio primitivo. No outro debúxase, distorsionada, a miña boca reseca pola ansiedade. Tampouco pasará nada se fallo, penso. Ofrézoche o vaso. (3)

            Mais a min, que estou do outro lado, ensináronme de pequena a non beber e adoito non cambiar as miñas conviccións a menos que me convenzan de xeito cabal. Dime, logo, cales son os teus argumentos? (4)

           Dous

           Tras ler aqueles escritos adolescentes das miñas alumnas, asimilei que xamais podería evitar que malgastasen tanto tempo, espazo e carne.

           Argumentar?

           Iso borrase da alma canda a primeira felación practicada/recibida (5), como tantas outras esvaecen logo da epifanía dos sentidos, mais logo retornan ou non seguindo a doce aleatoria das lembranzas. Malgastar, por certo… que dixen? Iso é un prexuízo dos peores:”o tempo é ouro” e outras andrómenas castradoras. (6)

            – O tempo é ouro e a pasividade contrarrevolucionaria! –exclamou Verne co seu habitual entusiasmo, poñendo fin ás discusións e retomando a camiñada.

            Oíron un disparo xusto cando a cabeza dun dos cans estoupaba no aire. (7) Levei a man a meixela e retireina manchada de sangue. Non sabía se era meu –porque daquela eu xa perdera en grande medida a capacidade, a beizón de sentir dor- ou do animal. O corpo descabezado do can aínda se retorcía no chan, como unha miñoca. (8)

            Daquela, o corpo separado do seu espírito que lentamente ía despregándose e comezaba a súa nova existencia como outro espectador máis do que alí acontecera. A xente amoreábase ao redor do can xa morto mentres o espírito deste buscaba acougo noutro corpo, esta vez nun de nena fermosa e asustada pola indiferencia dos transeuntes. Así, coa súa mirada perdida conquistou a este novo habitante do seu corpo. (9)

              Observounos introvertidos. Perdidos nas illas dunha revolución incruenta, protexidos polo rebumbio dos cócteles de palabras e a ignorancia do frío que vai sempre fóra. O primeiro disparo foi en van. Non era o seu negocio entender e unha mira telescópica non é boa para planos xerais. O primeiro fallo abocouno a apuntar contra o grupo. Arrimou o ollo e mandoulle un paneo no mesmo sentido en que debería avanzar a historia, de dereita a esquerda. Pero algún sentido teñen que ter os tiros. Cando menos servirán de advertencia. Mentres buscaba un obxectivo, mentres chamaba pola concentración co mantra busca inimigos á altura das túas posibilidades, baixoulle a respiración e deuse un segundo de recreo para desfrutar co dedo vencendo a suavidade do gatillo. A bala asubiou unha sentenza antes de impactar: que sós quedan os conselleiros cando desaparecen os asasinos. (10)

Cada número marca a fin dunha achega. Os autores e autoras foron Anxos Sumai, Begoña Caamaño, Camilo Franco, Eva Moreda,  Iolanda Zúñiga, María Reimóndez, Menchu Outón, Samuel L. París, Samuel Solleiro e Xavier Queipo. Pero non nesta orde, claro!

Atréveste a adiviñar quen escribiu cada pedazo? Veña, xoga un pouco. Mañá a esta mesma hora resolvemos o misterio 😉

Eurozone, a nova obra dos Chévere. Seguídea na rede

27 Dec

EUROZONA

     Eurozone quere ser un thriller político sobre a fin da idea de Europa ambientado na profunda crise actual do sistema. Un achegamento a este gran atraco especulativo ao máis puro estilo Tarantino e co referente directo de Reservoir Dogs. Políticos e banqueiros en lugar de gángters, arquitectura-espectáculo en lugar de almacéns, o estado do benestar europeo en lugar de xoias. E a capacidade de Chévere para saír airoso de tal pastiche.

   Eurozone é un traballo sobre un dos maiores relatos colectivos construídos na época contemporánea: a reconstrución da idea de Europa despois da 2ª Guerra Mundial. Como toda historia, ten un principio, un desenvolvemento e un final. Eurozone parte do suposto de que neste momento da historia estamos participando na escrita do seu final. E consideramos que hai que contribuír a este último capítulo non só como cidadáns, senón tamén como creadores, porque non debemos deixar que sexan mans alleas as que redacten o relato da historia, que tamén é a nosa historia.

   A aceleración dos sucesos que integran esta historia e a rapidez coa que podemos intervir, intercambiar, comentar, modificar estes acontecementos fan que a nosa participación na historia sexa máis intensa que nunca. Máis presente. Máis horizontal. Pasamos dunha historia con todos os dereitos reservados a unha historia de código aberto que se pode transitar, compartir, intercambiar, rescribir, transformar…

   Eurozone é unha resposta apaixoada ao tempo que nos tocou vivir, é a nosa aportación ao debate do presente. Isto é teatro feito a pé de rúa. Teatro actual manufacturado en Galicia con toda a ambición posible xusto nun momento de parálise económica e cultural.

   Eurozone é un traballo en proceso, segue a metodoloxía de creación colectiva establecida polo grupo Chévere ao longo dos anos e refrendada polo recoñecemento do público, dos profesionais e dos medios.

   Eurozone é unha aposta por achegar ao público galego espectáculos de creación contemporánea de calidade e gran formato.

   Eurozone é un thriller político sobre o fin da idea de Europa.

Ligazóns:

http://redenasa.tv/

http://redenasa.tv/gl/post/every-dog-has-its-day-proposta-ganadora-no-concurso-para-o-espazo-escenico-da-nova-obra-de-chevere/

http://redenasa.tv/gl/eurozone/

http://redenasa.tv/gl/eurozone/texto/sinopse/

http://redenasa.tv/gl/eurozone/post/2842/

https://www.facebook.com/redenasa

https://twitter.com/redenasa

O auténtico medo

27 Dec


O AUTÉNTICO MEDO-IMAXE

   Había unha vez no supermercado un ovo que viu o que lle pasaba a unha familia. Esta familia estaba comprando e o rapaz quería poder tomar a merenda, pero a nai non lle deixou; seguiu collendo o que necesitaba e botoulle a man á caixa onde estaba o ovo, que entón seguiu vendo e escoitando o que ocorría. A irmá do cativo díxolle á proxenitora que quería unha boneca, porque todas as da súa clase tiñan unha. A nai, como moitas veces fixera, díxolle:

   – Miña filla, xa cho dixen cincuenta veces. Teu pai marchou da casa e non temos novas del, e co meu soldo do paro non podo comprar nada; xa case non hai cartos para a comida. Menos mal que túa avoa nos paga a casa, se non estariamos vestíndonos con bolsas do lixo, collendo comida nos contedores e vivindo debaixo dunha ponte.

   Cando chegaron á casa, a nai sacou a compra: dous tomates, unha ducia de ovos, unha leituga, cereais, leite e unha barra de pan. Logo, mentres facía a cea, díxolles aos rapaces que rasparan o mofo ao pan, que mañá xa comerían o pan fresco que compraran hoxe. Aos nenos pareceulles unha boa cea: unha rebanda de pan, un anaco de tomate, unha folla mediana de leituga e media tortilla francesa dun ovo. Ao oviño, que escoutou todo dende a neveira, pareceulle unha terríbel situación, pois no supermercado vira xente que comía moito mellor ca esta familia.

   A nai non comeu e os rapaces estrañáronse. Preguntáronlle por que ela non ceaba e ela respondeullles que o facía para que eles puideran tomar aquilo. A familia foi para a cama e o ovo fixo esta reflexión: “ o auténtico medo é non saber se lles poderás poñer un prato de comida aos teus fillos, ou darlles un teito, roupa e unha boa infancia”.

 Iago Riveiro (2º ESO- C)

II CERTAME DE RELATO CURTO: “TES UN CONTO QUE DÁ MEDO“- RELATO PREMIADO POLO XURADO