Arquivo | Decembro, 2012

Pasou no IES Cacheiras: algunhas actividades desta primeira parte do curso 12-13

27 Dec

En setembro, case a finais de mes (24), o alumnado encheu o salón de actos para asistir a unha Jam Session  con Xacobe Martínez Antelo Standard Quartet. Na prensa encontramos este artigo:

24 LUNS | IES CACHEIRAS

Encontro ao vivo con músicos de jazz 

 Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo), Pablo Castaño (saxo alto), Marcos Pin (guitarra), Max Gómez (batería)

O grupo Chévere e o IES de Cacheiras manterán unha colaboración estable ao longo do curso académico, que se materializará nunha serie de actividades entre as que se inclúe esta visita ao centro dun grupo de músicos de jazz para realizar un encontro e concerto comentado aberto a todo o alumnado e profesorado. O obxectivo é tender pontes entre os profesionais das artes vivas galegas e os rapaces e rapazas do instituto.

IMG_1523

    Tamén en colaboración co grupo Chévere, os días 4 e 5 deste mes, un dos grupos premiados no Samaín (primerio premio compartido: 1ºESO-C) gozou aprendendo no obradoiro Danza en Teo. En REDENASA.TV encontramos esta imaxe:

DANZA EN TEO

      E o venres 14, todo o alumnado de 2ºESO-D (gañadores tamén do 1º premio de Samaín) asistiu ao obradoiro de hip-hop e monicreques (TITEREHOP)  con García MC á fronte. No seu facebook atopamos esta fotografía:

GARCÍA NO IES

E no blog de TITEREHOP, podedes ver unha gravación froito do traballo conxunto de García MC co alumnado: http://titerehop.wordpress.com/page/2/

    Acabamos este ano 2012, pero seguimos a traballar. Agradecemos o traballo de todas as persoas da comunidade educativa que, desinteresadamente e con interese, colaboran e participan nas nosas actividades; pero como non podía ser doutro xeito, mostramos a nosa gratitude ao Concello de Teo e á compañía residente no concello, Chévere, que conxuntamente nos fan parte dos seus proxectos e das súas actividades.

A narración colectiva de Culturgal 2012

27 Dec

Pedímoslles a unha manchea de escritores e escritoras que nos axudaran a construír unha narración colectiva para Culturgal 2012 e este é o resultado…

          Detonar a túa impunidade, ese é o meu obxectivo. E como preciso un plan de combate co que abater esa chularía que exhibes, inxiro un cóctel de pólvora, dous xeos e cola, acurrálote e espétoche: (1)

-Gffhhhh -ou algo así.

            Parece que hai un problema.

-Gffhhhh.

            Probo outra vez:

-Gffhhhh.

            Óllasme como a un réptil. O cóctel, con toda a pólvora, etcétera, arrefría dentro. Súo, claro. (2)

            Miro dentro do cóctel, un dos xeos reflicte o teu ollar de saurio primitivo. No outro debúxase, distorsionada, a miña boca reseca pola ansiedade. Tampouco pasará nada se fallo, penso. Ofrézoche o vaso. (3)

            Mais a min, que estou do outro lado, ensináronme de pequena a non beber e adoito non cambiar as miñas conviccións a menos que me convenzan de xeito cabal. Dime, logo, cales son os teus argumentos? (4)

           Dous

           Tras ler aqueles escritos adolescentes das miñas alumnas, asimilei que xamais podería evitar que malgastasen tanto tempo, espazo e carne.

           Argumentar?

           Iso borrase da alma canda a primeira felación practicada/recibida (5), como tantas outras esvaecen logo da epifanía dos sentidos, mais logo retornan ou non seguindo a doce aleatoria das lembranzas. Malgastar, por certo… que dixen? Iso é un prexuízo dos peores:”o tempo é ouro” e outras andrómenas castradoras. (6)

            – O tempo é ouro e a pasividade contrarrevolucionaria! –exclamou Verne co seu habitual entusiasmo, poñendo fin ás discusións e retomando a camiñada.

            Oíron un disparo xusto cando a cabeza dun dos cans estoupaba no aire. (7) Levei a man a meixela e retireina manchada de sangue. Non sabía se era meu –porque daquela eu xa perdera en grande medida a capacidade, a beizón de sentir dor- ou do animal. O corpo descabezado do can aínda se retorcía no chan, como unha miñoca. (8)

            Daquela, o corpo separado do seu espírito que lentamente ía despregándose e comezaba a súa nova existencia como outro espectador máis do que alí acontecera. A xente amoreábase ao redor do can xa morto mentres o espírito deste buscaba acougo noutro corpo, esta vez nun de nena fermosa e asustada pola indiferencia dos transeuntes. Así, coa súa mirada perdida conquistou a este novo habitante do seu corpo. (9)

              Observounos introvertidos. Perdidos nas illas dunha revolución incruenta, protexidos polo rebumbio dos cócteles de palabras e a ignorancia do frío que vai sempre fóra. O primeiro disparo foi en van. Non era o seu negocio entender e unha mira telescópica non é boa para planos xerais. O primeiro fallo abocouno a apuntar contra o grupo. Arrimou o ollo e mandoulle un paneo no mesmo sentido en que debería avanzar a historia, de dereita a esquerda. Pero algún sentido teñen que ter os tiros. Cando menos servirán de advertencia. Mentres buscaba un obxectivo, mentres chamaba pola concentración co mantra busca inimigos á altura das túas posibilidades, baixoulle a respiración e deuse un segundo de recreo para desfrutar co dedo vencendo a suavidade do gatillo. A bala asubiou unha sentenza antes de impactar: que sós quedan os conselleiros cando desaparecen os asasinos. (10)

Cada número marca a fin dunha achega. Os autores e autoras foron Anxos Sumai, Begoña Caamaño, Camilo Franco, Eva Moreda,  Iolanda Zúñiga, María Reimóndez, Menchu Outón, Samuel L. París, Samuel Solleiro e Xavier Queipo. Pero non nesta orde, claro!

Atréveste a adiviñar quen escribiu cada pedazo? Veña, xoga un pouco. Mañá a esta mesma hora resolvemos o misterio 😉

Eurozone, a nova obra dos Chévere. Seguídea na rede

27 Dec

EUROZONA

     Eurozone quere ser un thriller político sobre a fin da idea de Europa ambientado na profunda crise actual do sistema. Un achegamento a este gran atraco especulativo ao máis puro estilo Tarantino e co referente directo de Reservoir Dogs. Políticos e banqueiros en lugar de gángters, arquitectura-espectáculo en lugar de almacéns, o estado do benestar europeo en lugar de xoias. E a capacidade de Chévere para saír airoso de tal pastiche.

   Eurozone é un traballo sobre un dos maiores relatos colectivos construídos na época contemporánea: a reconstrución da idea de Europa despois da 2ª Guerra Mundial. Como toda historia, ten un principio, un desenvolvemento e un final. Eurozone parte do suposto de que neste momento da historia estamos participando na escrita do seu final. E consideramos que hai que contribuír a este último capítulo non só como cidadáns, senón tamén como creadores, porque non debemos deixar que sexan mans alleas as que redacten o relato da historia, que tamén é a nosa historia.

   A aceleración dos sucesos que integran esta historia e a rapidez coa que podemos intervir, intercambiar, comentar, modificar estes acontecementos fan que a nosa participación na historia sexa máis intensa que nunca. Máis presente. Máis horizontal. Pasamos dunha historia con todos os dereitos reservados a unha historia de código aberto que se pode transitar, compartir, intercambiar, rescribir, transformar…

   Eurozone é unha resposta apaixoada ao tempo que nos tocou vivir, é a nosa aportación ao debate do presente. Isto é teatro feito a pé de rúa. Teatro actual manufacturado en Galicia con toda a ambición posible xusto nun momento de parálise económica e cultural.

   Eurozone é un traballo en proceso, segue a metodoloxía de creación colectiva establecida polo grupo Chévere ao longo dos anos e refrendada polo recoñecemento do público, dos profesionais e dos medios.

   Eurozone é unha aposta por achegar ao público galego espectáculos de creación contemporánea de calidade e gran formato.

   Eurozone é un thriller político sobre o fin da idea de Europa.

Ligazóns:

http://redenasa.tv/

http://redenasa.tv/gl/post/every-dog-has-its-day-proposta-ganadora-no-concurso-para-o-espazo-escenico-da-nova-obra-de-chevere/

http://redenasa.tv/gl/eurozone/

http://redenasa.tv/gl/eurozone/texto/sinopse/

http://redenasa.tv/gl/eurozone/post/2842/

https://www.facebook.com/redenasa

https://twitter.com/redenasa

O auténtico medo

27 Dec


O AUTÉNTICO MEDO-IMAXE

   Había unha vez no supermercado un ovo que viu o que lle pasaba a unha familia. Esta familia estaba comprando e o rapaz quería poder tomar a merenda, pero a nai non lle deixou; seguiu collendo o que necesitaba e botoulle a man á caixa onde estaba o ovo, que entón seguiu vendo e escoitando o que ocorría. A irmá do cativo díxolle á proxenitora que quería unha boneca, porque todas as da súa clase tiñan unha. A nai, como moitas veces fixera, díxolle:

   – Miña filla, xa cho dixen cincuenta veces. Teu pai marchou da casa e non temos novas del, e co meu soldo do paro non podo comprar nada; xa case non hai cartos para a comida. Menos mal que túa avoa nos paga a casa, se non estariamos vestíndonos con bolsas do lixo, collendo comida nos contedores e vivindo debaixo dunha ponte.

   Cando chegaron á casa, a nai sacou a compra: dous tomates, unha ducia de ovos, unha leituga, cereais, leite e unha barra de pan. Logo, mentres facía a cea, díxolles aos rapaces que rasparan o mofo ao pan, que mañá xa comerían o pan fresco que compraran hoxe. Aos nenos pareceulles unha boa cea: unha rebanda de pan, un anaco de tomate, unha folla mediana de leituga e media tortilla francesa dun ovo. Ao oviño, que escoutou todo dende a neveira, pareceulle unha terríbel situación, pois no supermercado vira xente que comía moito mellor ca esta familia.

   A nai non comeu e os rapaces estrañáronse. Preguntáronlle por que ela non ceaba e ela respondeullles que o facía para que eles puideran tomar aquilo. A familia foi para a cama e o ovo fixo esta reflexión: “ o auténtico medo é non saber se lles poderás poñer un prato de comida aos teus fillos, ou darlles un teito, roupa e unha boa infancia”.

 Iago Riveiro (2º ESO- C)

II CERTAME DE RELATO CURTO: “TES UN CONTO QUE DÁ MEDO“- RELATO PREMIADO POLO XURADO

Club de Debate 2013- A primeira xornada: formación (nos Tilos- Teo)

20 Dec

CELÉBRASE UNHA XORNADA DE FORMACIÓN NOS TILOS PARA O CLUB DE DEBATE

NO QUE PARTICIPA ALUMNADO DOS CONCELLOS DE AMES, ROIS, SANTIAGO E TEO

18/12/2012

As redes sociais favorecen a comunicación e a relación entre as persoas. Este será o tema sobre o que traballarán os equipos de escolares que participen este ano na fase comarcal de Compostela do Club de Debate . Este club é unha iniciativa impulsada dende os servizos de Normalización Lingüística municipais na que participan os Concellos de Ames , Carballo ,Cee , Ferrol , Pontevedra , Ourense , Rois , Santiago , Teo e Vigo .

Na Comarca de Compostela xa se está traballando dende hai semanas e hoxe mesmo realizouse unha xornada de formación cos equipos anotados de SantiagoAmes , Rois e Teo na Casa Común dos Tilos. A actividade, que durou toda a mañá, centrouse en traballar as técnicas de oralidade e habilidades sociais e comunicativas. A maiores diso abordáronse as técnicas de compilación e tratamento da información para enfrontarse a un tema de debate. O traballo cos case 100 estudantes que participaron nesta xornada de formación combinou o traballo máis regrado coas dinámicas de grupo, técnicas de rol, prácticas de comunicación non verbal…

A mañá rematou cunha simulación de debate por equipos. A Casa Común dos Tilos acolleu catro equipos dos centros composteláns IES Antonio Fraguas e do Colexio Compañía de María; catro equipos do IES de Ames; un equipo do CPI Plurilingüe dos Dices de Rois; un equipo do IES Macías o Namorado de Padrón, un equipo do IES Camilo José Cela tamén de Padrón e un equipo do IES de Cacheiras-Teo.

Esta actividade formativa servirá para darlle ferramentas ao alumnado e ao profesorado para mellorar as técnicas de debate de cara á fase comarcal que se celebrará en Bertamiráns (Ames) a primeiros de abril. Os equipos gañadores deste primeiro enfrontamento participarán na fase final que se celebrará en Santiago de Compostela o 4 de maio. O equipo gañador da fase galega conseguirá un premio dunha viaxe dunha fin de semana para 25 persoas. 

A participación no Club de Debate busca incentivar entre os máis novos/as o emprego da lingua, traballar a fluidez comunicativa a través da oratoria ademais de incitar o pensamento crítico e  a tolerancia. Está dirixido aos escolares de 3º e 4º da ESO ou 1º de Bacharelato.

    Alí estivo tamén o noso grupo de debate, formado por: Rita García, Silvia Barros, Uxía Dono, Manuel Duro, Giulia Podda, Martina Rey, Tamara Soto, Mencía Suárez, Alicia Vila e Noelia Villar. Agora haberá que irse preparando para estaren a punto en abril, mes en que empezan os debates comarcais. Sorte a todos os participantes 😉

IMG_1638 IMG_1637

20 Dec

PALABRAS

Árbores coma rañaceos

Ves na súa altura e cores

O debuxo da natura nos mellores?

Pois é certo estouno vendo

A beleza só é un pouco

Do monte  que está crecendo

Con ríos como sinónimos

Os camiños que percorres,

Terras de labranza

E o marisco do Barbanza

Bo xénero onde o busques

Na comida e na xente,

A quedada do domingo familiar

Que a nada ten que envexar

Territorio ben extenso

Mil follas no rexistro ou no censo

Isto só o atopei

(Por moito que mirei)

Na Galicia das vilas

do rural onde te miras.

Iturriaga- IES Cacheiras, decembro 2012

CoraSons na Ramallosa

20 Dec

cora395429_315552465159434_1066441493_n

   Hoxe na Coruña (Teatro Colón) e mañá e pasado máis perto de nós, no Auditorio da Ramallosa (Teo), vai haber moita e boa música de Portugal, do Brasil, de Angola…; música cordial que vai dereita ao corasón.

   “Quen ve coraçoes‘ é unha páxina de internet onde a fotógrafa portuguesa Isabel Valentim foi publicando unha serie de textos e fotografías co leiv motiv dos ‘corazóns casuais’, figuras de corazóns atopadas na natureza e espalladas polo mundo adiante. Deste xeito, pintadas nas paredes, portas, aramadas, area ou mesmo xeo con forma de corazón, se foron incorporando á páxina. E entón apareceu a amizade.
   Uxía, cantante galega que coñecía a Isabel dende anos atrás, namorouse das fotos e lle propuxo facer unha exposición na Casa das Crechas de Santiago de Compostela. A partir de aquí, o proxecto foi incorporando amigos incondicionais, namorados dos corazóns que non dubidaron en poñer o mellor deles mesmos e da súa arte ao servizo da causa. Para acompañar a inauguración montouse un concerto onde máis de 20 músicos de Galicia e Portugal se xuntaron para facer música “namorada”. Acababan de nacer CoraSóns.

https://www.facebook.com/pages/Quem-v%C3%AA-cora%C3%A7%C3%B5es/305930389454975

   Non vemos mellor maneira de entrar no inverno; por iso vos animamos a asistir a este magnífico concerto. Quen non poida ir mañá (sexta-feira) ten aínda a posibilidade de ir o sábado. É ás 22:30 horas e as entradas pódense comprar anticipadamente en Compostela (pub Ultramarinos) e tamén en Teo (cafe A Senra e cervexaría Santa Sede).

corasons

Para saberdes máis, podedes ir ao lusopatia 😉

http://lusopatia.wordpress.com/2012/12/18/a-festa-do-fim-do-mundo/

recitandocelsoemilio. Bótalle un ollo a algúns dos traballos doutros centros

12 Dec

recitandocelsoemilio, hoxe e sempre…

      Faltan poucas horas para as 12:00 do 12/12/12, pero na páxina da CGEDNL xa están algunhas mostras dos traballos realizados en moitos centros de Galiza para homenaxear ao escritor celanovés. Míraos, son todos excelentes. Nós…seguimos traballando 😉

http://coordinadoraendl.org/recitandocelsoemilio/index.php

Deitado frente ao mar. Celso Emilio Ferreiro na nosa voz

9 Dec

IMG_0859

Deitado frente ao mar

Lingua proletaria do meu pobo,

eu fáloa porque si, porque me gosta,

porque me peta e quero e dáme a gana;

porque me sai de dentro, alá do fondo

dunha tristura aceda que me abrangue

ao ver tantos patufos desleigados,

pequenos mequetrefes sen raíces

que ao pór a garabata xa non saben

afirmarse no amor dos devanceiros,

falar a fala nai,

a fala dos avós que temos mortos,

e ser, co rostro erguido,

mariñeiros, labregos da linguaxe,

remo i arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque si, porque me gosta

e quero estar cos meus, coa xente miña,

perto dos homes bos que sofren longo

unha historia contada noutra lingua.

Non falo pra os soberbios,

non falo pra os ruíns e poderosos,

non falo pra os finchados,

non falo pra os baleiros,

non falo pra os estúpidos,

que falo pra os que aguantan rexamente

mentiras e inxustizas decotío;

pra os que súan e choran

un pranto cotidián de bolboretas,

de lume e vento sobre os ollos núos.

Eu non podo arredar as miñas verbas

de tódolos que sofren neste mundo.

E ti vives no mundo, terra miña,

berce da miña estirpe,

Galicia, doce mágoa das Españas,

deitada rente ao mar, ise camiño…

          Mércores, 12-12-12. Ligazóns que nos interesan:

http://coordinadoraendl.org/recitandocelsoemilio/celso.php

http://celsoemilioferreiro.org/

http://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=CelFerre&alias=Celso+Emilio+Ferreiro

http://www.realacademiagalega.org/figuras-homenaxeadas/-/journal_content/56_INSTANCE_8klA/10157/18163

http://sondepoetas.blogspot.com.es/2009/05/deitado-frente-ao-mar-celso-emilio.html

http://gavieira.blogspot.com.es/2012/03/deitado-frente-ao-mar-on-photopeach.html

http://www.crtvg.es/crtvg/arquivo/categoria/celso-emilio-ferreiro

http://www.edu.xunta.es/web/sites/web/files/content_type/news/2012/03/05/dossier_programa_ano_cef.pdf

https://sites.google.com/site/poemascelsoemilioferreiro/home

http://armandorequeixo.blogaliza.org/2012/01/04/celso-emilio-ferreiro-visto-por-xose-diaz-jacome-un-texto-inedito/

http://praza.com/cultura/2446/lllonga-noite-de-pedrar-non-encaixou-con-parte-do-establishment-galego-da-epocar/

http://www.ivoox.com/poesia-poetas-celso-emilio-ferreiro-audios-mp3_rf_1418436_1.html

http://www.aelg.org/resources/didacticspace/units/didactic22/DW_didactic22_1.pdf

recitandocelsoemilio. Xa queda menos

9 Dec

 

cartaz_recitando_celso_emilio