Arquivo | 23:52

Recreos de cinema pasa a proxección dos Spots Sociais para o xoves 22

21 Mar

 Será o xoves, no primeiro recreo, cando Alberto Quintela e Agustín presenten as curtas Spots Sociais, “feitos polos alumnos de Cultura Audiovisual como exercicio de creación unha vez estudadas e analizadas as estratexias que utiliza a publicidade para manipular os nosos comportamentos e hábitos de consumo.”

   Como podedes ler na páxina de aturuxofilms “Pareceunos interesante aplicar estas estratexias ao ámbito da educación en valores e neste caso promovendo o coidado do noso medio ambiente e a igualdade de xénero no traballo.” Nós engadimos a ese interesante, necesario; por iso vos convidamos a asistir e participar nesta iniciativa posta en marcha este mes: os Recreos de Cinema.

   Agardamos e agradecemos a vosa presenza e participación xa que sen vós nada disto sería posible (nin as curtas nin a actividade). Aproveitamos para vos adiantar que o mércores 28 de marzo se vai estrear a curta titulada A moza tecelá e que para a estrea van estar: Carolina, Helena, Xoel e Laura. Ata daquela ;=D

http://aturuxofilms.wordpress.com/2012/03/19/spots-sociais-nos-recreos-de-cine/

Sés no IES

21 Mar

  Este martes pola tarde, o instituto tivo unha xornada diferente que engaiolou ao noso alumnado: Sés, María Xosé Silvar, encheu o salón de actos.

   Aínda non eran as tres e media da tarde cando chegaron Sés e mais para montar todo no salón de actos e ensaiar. O concerto empezaría ás 17’00 e durante unha hora e pico 150 dos nosos alumnos estarían gozando dun bo concerto. Mentres preparaban todo, estivemos de parola: falamos de música galega e de compromiso, da súa traxectoria e de que era a primeira vez que ían tocar nun centro de ensino, de que hai poucas rockeiras na música galega… Foi un gustazo!

   Eu deixeinos alí, quentando motores, e volvín velos cando xa rematara todo e marchaban. Sés estaba moi satisfeita e o alumnado, encantado (aínda que as présas dos autobuses propiciaron unha saída precipitada do concerto). Falamos outro anaco: de que todo correra ben, de que Sheila se emocionara moito cando Sés a felicitou pola convocatoria da porteira do Cacheiras para a Selección (ver entrada antiga: Sheila Fernández Suárez) e de que era moi gratificante pensar que durante e despois do concerto unha parte do auditorio dixerise e aproveitase da música desta cantante tan singular.

   Onte, xa no recreo, varias das asistentes ao concerto quixeron saber como contactar coa cantante e como seguir o que fai; en fin, obxectivo cumprido! Houbo empatía e Sés chegou máis do que seguramente imaxinou. Sei que Noelia, Antía, Sheila … non lle van perder o paso a esta artista e agora teñen unha referencia musical coa que ata o martes non contaban (ao lles dicir que xa tocara na Ramallosa o día d’Os Tixolas …“ai, que pena! Non sabiamos e non fomos”).

   Até pronto, Sés, e bos concertos nos próximos centros de ensino.

http://www.mariaxosesilvar.com/ses-nos-centros-de-ensino/

http://www.youtube.com/seudeela