Arquivo | 12:37

A Coruña mostra o mellor da obra pictórica de Isaac Díaz Pardo

26 Feb

   Pois si, o máis destacado da obra pictórica do histórico intelectual galego Isaac Díaz Pardo, falecido o pasado mes de xaneiro, exponse desde a tarde do día 23 na sede a Fundación Novacaixagalicia da Coruña nunha mostra que poderá visitarse ata o próximo 1 de maiohttp://www.galiciae.com/nova/153107.html

   Nós, aproveitando a boa nova, mergullámonos un pouco no océano dixital e encontramos unha moi boa ligazón ao pdf do número cero do Xornal Galicia, que en 2008 foi editado pola Rede de Acción Socio-Cultural Arredemo como parte das accións de apoio contra o seu afastamento da dirección de Sargadelos. Aquí vos queda. Só tedes que calcar e ler:

http://grenlandia.files.wordpress.com/2012/01/xornalgalicia.pdf

Malos tempos para a nosa cultura. Nestes momentos, artigos valentes como o de Alfredo Ferreiro sacoden conciencias

26 Feb

  Desde logo, para moitas galegas e galegos, isto non vai ben; o país non vai ben e imos andando para atrás como fan os caranguexos (pateiros, na miña terra nai). Neste campo a barbeito, é moi gratificante  encontrar opinións críticas, discrepantes e ousadas; é esperanzador que haxa voces reflexivas que nos fagan tamén a nós pensar e afondar en todo o que está a pasar e no que nos están contando que vai vir, mentres a involución a a regresión botan raíces que logo vai ser difícil que poidamos cortar.

   Aquí vos deixamos o artigo, publicado onte en praza.com. Permitímonos facer un breve extracto: 

Minas por levantar- Alfredo Ferreiro

(…)  Ao tempo, ergo a vista e a crise da que non desexo falar mais da que non podo evitar escoitar arrastra cuestións moito máis relevantes que a perda paulatina de poder adquisitivo: a utilización desta falsa democracia para xustificar a explotación. Porque o máis grave non é errarmos a ruta, senón queimarmos as naves que nos han de levar a terras mellores. (…)

Para lerdes todo o artigo, calcade en http://praza.com/opinion/91/minas-por-levantar/

Temos lemas. Conciencia de lingua, esforzo e traballo

26 Feb

DO IES CACHEIRAS CURSO 2011-2012

     Van pasando os días e as semanas e vai chegar o momento de retirar a exposición dos traballos que realizou o alumnado de 1º e 3º da ESO con Montse Amigo. Nesta ocasión, o eixe temático era Crear un lema que reflectira a necesidade de fomentar a lingua de noso.

    O resultado foi verdadeiramente magnífico e nós decidimos sacalo ao corredor central do centro e expoñer os traballos -cerca de 30- e logo realizar un concurso. Dúas semanas despois de estaren expostas as obras, un xurado composto por alumnado e profesorado -Helena (2º Bach.) e Manu (1º ESO), Dolores (Dpto. Xeografía e Historia, profesora de Historia da arte) e eu mesma (María Pardo), en representación do EDNL- escolleu CINCO delas como as mellores. Foi complicado porque como veredes os traballos son moi bos.

   Polo de agora, imos subir todas as fotografías que temos da exposición (aínda falta algunha, porque non ten a calidade que debera) para que se visibilicen aínda máis. Ese é o noso desexo: que o traballo do IES Cacheiras poida ser visto fóra das nosas aulas e dos nosos espazos de exposición. Esperamos que gocedes botándolles unha ollada ;=)

O pase de diapositivas require JavaScript.