Arquivo | 19:29

Entroido 2012

3 Feb

   Mentres na bisbarra da Ulla xa está pasando (http://xeneraisdaulla.com/), nós xa temos todo en marcha. O alumnado estase anotando na modalidade na que quere participar, está decidindo que comparsa, performance ou disfraces presentar, e ata hai quen terá que ir pensando en ter orellas, filloas, flores… para o venres 17. Hai profesorado que está traballando nas aulas a elaboración de atranques. Cando estean listos, van formar parte do mural que faremos no centro e mais van ser dramatizados no patio traseiro. Ademais de todo isto, queremos que nos mandedes unha chea de fotos sobre “así nos disfrazamos os da miña casa” para podelas expoñer nun mural vistoso e divertido.

   Se queredes ver atranques, aquí quedan unhas ligazóns. E esta noite aparecerán no Luar, da TVG, dous xenerais de Teo, concretamente da parroquia de Rarís. Diego e Alejandro representarán un “atranque” no coñecido programa.

http://youtu.be/qjVRsKVT2H4

http://youtu.be/1wTiox6YdoM

http://youtu.be/ze3n4AuYbZA

http://youtu.be/uMyz11YUWQY

http://youtu.be/AqVVjGwvPQw

 

Recuperando folgos: a prensa en galego está de noraboa

3 Feb

   Si, estámosche de noraboa! Hai dous días podiamos ler a presentación e declaración de intencións do novo xornal en galego, Praza Pública. Deixamos algúns anacos do editorial e mais a ligazón.

Editorial. O xornal da Galicia que vén

    Praza Pública nace para romper un cerco de silencio que afoga tantas voces valiosas, para crebar o pesimismo que se nos intenta impoñer como fe fatal. Praza Pública (ou simplemente Praza, a vosa praza) nace porque cremos no país e nas súas xentes, nesa Galicia moderna e sen complexos que ten todo o futuro que sexa capaz de atreverse a soñar e a facer seu. Desde Praza desexamos contribuír a deseñalo, a construílo e a conquistalo, con humildade e sendo conscientes das nosas capacidades, mais tamén coa ambición de crecer ao voso lado e de ofrecervos un traballo ben feito, no que vos sintades recoñecidos e recoñecidas.

   Praza nace tamén para a pluralidade. Para aumentar o pluralismo informativo, que hoxe está moi lonxe de ser un reflexo da diversidade social do noso país; e tamén para exercer a pluralidade de voces, de visións e de perspectivas, sen máis liñas vermellas que aquelas que nos definen como proxecto comunicativo: a defensa do autogoberno, do progreso e do benestar da cidadanía galega, e mais a reivindicación da lingua e da cultura galegas como valores esenciais desa Galicia que vén.

   Para lerdes o editorial completo: http://praza.com/editorial/1/o-xornal-da-galicia-que-ven/