Entroido no IES de Cacheiras: convocatorias

28 Xan

  Xa vai acabar xaneiro e entramos no mes do entroido. Estamos nunha bisbarra na que esta festa está ben arraigada e o noso centro non perdeu ano para celebrala por todo o alto. Este ano non vai ser diferente. Adiantámosvos o que imos ter (xa se trataron estes temas na xunta de delegad@s convocada a semana pasada):

– Performances e disfraces nas aulas.

– Festival.

– Música en directo.

  Pero ademais, este ano queremos medrar e organizar, desde xa, máis actividades nas que toda a comunidade poderá participar (iso esperamos!), gozar e divertirse.

Non te atranques. Recolleita por escrito de atranques dos anos anteriores (empezando no ano que se queira) e elaboración dun mural que estará exposto no instituto.

a.- O alumnado que se apunte, recollerá polo menos un atranque (con data, sempre que sexa posible) e mandarao ao correo mpfernandez@edu.xunta.es ou entregarao ás integrantes do EDNL e da Vicedirección (Sabela, Inés, Puri, María). Estaría moi ben conseguirmos un atranque por aula!

b.- Entre o alumnado participante e nosoutras, elaboraremos un xeitoso mural que se expoñerá no centro desde antes das festas de Entroido ata primeiros de marzo.

c.- Mentres, unhas cantas parellas, formadas polo alumnado que se anote, prepararán os seus atranques para faceren unha mostra no Salón de Actos do centro o venres antes da ponte de entroido (formando parte do festival).

d.- Sendo moi ambiciosas e contando unha vez máis coa participación do alumnado, intentaremos contar coa presenza no instituto dun Xeneral e un Correo que, dacabalo, adianten algo do repertorio deste ano. 

Nun futuro, parte dese material será empregado desde o EDNL para a elaboración dun almanaque que faremos para o vindeiro curso (12-13) e que servirá para poñer á venda e poder ir financiando actividades que se vaian propoñendo.

Así se disfrazaron… me disfracei. Como se disfrazaron as avoas e os avós, as nais e os pais ou o noso alumnado hai anos?  Selección e organización de fotos traídas polo alumnado do centro para, tamén, facermos un divertido e vistoso mural.

a.- Tamén neste caso, o alumnado que se apunte debe aportar unha ou máis fotos de familiares da casa disfrazados para o entroido que fora (coa nao, sempre que poida saberse).

b.- Se as fotos están dixitalizadas, mándanse ao correo que indicamos anteriormente; se se poden traer as orixinais ao centro, comprometémonos a coidalas e preservalas de calquera estrago. Neste caso, entregaranse ás integrantes da Vicedirección e do EDNL.

c.- Preferiranse fotos de anos anteriores á chegada do alumnado ao centro (da gardería, do colexio, coas amizades fóra do centro…)

d.- Segundo o material aportado, crearíanse varias modalidades: avoas-avós, nais-pais, alumnas-alumnos. Xa ordenadas, elaborarase outro mural que permanecerá exposto no centro durante un mes.

Como no caso anterior, nun futuro, parte dese material será empregado desde o EDNL para ilustrar o almanaque do vindeiro curso (12-13).

Receitas de Entroido (cousiñas ricas…) e telderetes de venda de filloas, orellas, flores… (…cousiñas de comer)Recolleita de receitas das lambetadas máis típicas do Entroido en Teo e mais daqueles pratos que se comen antes da chegada da primavera, pero sobre todo cadrando co entroido.

O alumnado que queira participar, pode facelo de dúas maneiras:

a.- traendo só a receita escrita  (alumnado de 1º, 2º, 3º da ESO e mais 1º e 2º de Bacharelato) 

b.- traendo a receita escrita e mais unha cantidade de orellas, filloas, flores… (4º da ESO) para venderen no instituto.

Neste segundo caso, a Vicedirección e o EDNL poñerán todo da súa parte para montar no centro uns telderetes onde toda a comunidade educativa poida colaborar co alumnado de 4º da ESO, comprando o que desexe e saboreando bos peperetes.

As receitas expoñeranse, coma en outono, na Cafetaría e gardaranse para ser publicadas na revista do centro, A Eira dos Mouros, xunto coas que nos quedan por pedir.

  Ben. Xa vedes, só necesitamos colaboración. Para conseguila, o Xefe de Estudos xa convocou a xunta de delegad@s para este luns, día 30 de xaneiro. Lembrádevos de asistir! Sen vós non podemos mellorar!!!

Lugar: aula de 1º Bacharelato A

Hora: 2º recreo

Sede puntuais, por favor. Un millón ;=)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: