Arquivo | 15:24

Entroido no IES de Cacheiras: convocatorias

28 Xan

  Xa vai acabar xaneiro e entramos no mes do entroido. Estamos nunha bisbarra na que esta festa está ben arraigada e o noso centro non perdeu ano para celebrala por todo o alto. Este ano non vai ser diferente. Adiantámosvos o que imos ter (xa se trataron estes temas na xunta de delegad@s convocada a semana pasada):

– Performances e disfraces nas aulas.

– Festival.

– Música en directo.

  Pero ademais, este ano queremos medrar e organizar, desde xa, máis actividades nas que toda a comunidade poderá participar (iso esperamos!), gozar e divertirse.

Non te atranques. Recolleita por escrito de atranques dos anos anteriores (empezando no ano que se queira) e elaboración dun mural que estará exposto no instituto.

a.- O alumnado que se apunte, recollerá polo menos un atranque (con data, sempre que sexa posible) e mandarao ao correo mpfernandez@edu.xunta.es ou entregarao ás integrantes do EDNL e da Vicedirección (Sabela, Inés, Puri, María). Estaría moi ben conseguirmos un atranque por aula!

b.- Entre o alumnado participante e nosoutras, elaboraremos un xeitoso mural que se expoñerá no centro desde antes das festas de Entroido ata primeiros de marzo.

c.- Mentres, unhas cantas parellas, formadas polo alumnado que se anote, prepararán os seus atranques para faceren unha mostra no Salón de Actos do centro o venres antes da ponte de entroido (formando parte do festival).

d.- Sendo moi ambiciosas e contando unha vez máis coa participación do alumnado, intentaremos contar coa presenza no instituto dun Xeneral e un Correo que, dacabalo, adianten algo do repertorio deste ano. 

Nun futuro, parte dese material será empregado desde o EDNL para a elaboración dun almanaque que faremos para o vindeiro curso (12-13) e que servirá para poñer á venda e poder ir financiando actividades que se vaian propoñendo.

Así se disfrazaron… me disfracei. Como se disfrazaron as avoas e os avós, as nais e os pais ou o noso alumnado hai anos?  Selección e organización de fotos traídas polo alumnado do centro para, tamén, facermos un divertido e vistoso mural.

a.- Tamén neste caso, o alumnado que se apunte debe aportar unha ou máis fotos de familiares da casa disfrazados para o entroido que fora (coa nao, sempre que poida saberse).

b.- Se as fotos están dixitalizadas, mándanse ao correo que indicamos anteriormente; se se poden traer as orixinais ao centro, comprometémonos a coidalas e preservalas de calquera estrago. Neste caso, entregaranse ás integrantes da Vicedirección e do EDNL.

c.- Preferiranse fotos de anos anteriores á chegada do alumnado ao centro (da gardería, do colexio, coas amizades fóra do centro…)

d.- Segundo o material aportado, crearíanse varias modalidades: avoas-avós, nais-pais, alumnas-alumnos. Xa ordenadas, elaborarase outro mural que permanecerá exposto no centro durante un mes.

Como no caso anterior, nun futuro, parte dese material será empregado desde o EDNL para ilustrar o almanaque do vindeiro curso (12-13).

Receitas de Entroido (cousiñas ricas…) e telderetes de venda de filloas, orellas, flores… (…cousiñas de comer)Recolleita de receitas das lambetadas máis típicas do Entroido en Teo e mais daqueles pratos que se comen antes da chegada da primavera, pero sobre todo cadrando co entroido.

O alumnado que queira participar, pode facelo de dúas maneiras:

a.- traendo só a receita escrita  (alumnado de 1º, 2º, 3º da ESO e mais 1º e 2º de Bacharelato) 

b.- traendo a receita escrita e mais unha cantidade de orellas, filloas, flores… (4º da ESO) para venderen no instituto.

Neste segundo caso, a Vicedirección e o EDNL poñerán todo da súa parte para montar no centro uns telderetes onde toda a comunidade educativa poida colaborar co alumnado de 4º da ESO, comprando o que desexe e saboreando bos peperetes.

As receitas expoñeranse, coma en outono, na Cafetaría e gardaranse para ser publicadas na revista do centro, A Eira dos Mouros, xunto coas que nos quedan por pedir.

  Ben. Xa vedes, só necesitamos colaboración. Para conseguila, o Xefe de Estudos xa convocou a xunta de delegad@s para este luns, día 30 de xaneiro. Lembrádevos de asistir! Sen vós non podemos mellorar!!!

Lugar: aula de 1º Bacharelato A

Hora: 2º recreo

Sede puntuais, por favor. Un millón ;=)

30 de xaneiro. Día Escolar da Paz e da Non Violencia

28 Xan

   Faltan dous días, pero no instituto xa temos preparada a exposición na que colaboraron o profesorado e o alumnado do centro. Non perdades a oportunidade de vela e de reparardes no seu contido.

O pase de diapositivas require JavaScript.

   Por que o 30 de xaneiro?

  O DENIP declarouse por primeira vez en 1964. Xurdiu dunha iniciativa pioneira, non gubernamental, independiente e voluntaria de Educación No-violenta y Pacificadora do profesor español Llorenç Vidal. O seu obxectivo é a educación en e para a tolerancia, a solidariedade, a concordia, o respecto aos Dereitos Humanos, a non-violencia e a paz. O día 30 de xaneiro conmemórase ademais a morte do líder nacional e espiritual da India, Mahatma Gandhi, o 30 de xaneiro de 1948, asasinado a tiros por un fanático hinduísta.

  O DENIP foi recoñecido polo Ministerio de Educación y Ciencia, mediante a Orde Minis.terial do 29 de novembro de 1976.

 Esta celebración vai ser unha oportunidade máis de contribuír a que os centros de ensino sexan instrumentos de paz e entendemento entre persoas de distinta formación, raza, cultura e ou relixión.

  Deixámosvos algunhas ligazóns:

Seminario Galego de Educación para a Paz

http://www.sgep.org

https://sites.google.com/site/dereitoshumanospaztransversais/

 Día Escolar de la Paz y la No Violencia en educacionenvalores.ogr

. Enrédate. Unicef
www.enredate.org/

· Sedupaz. Seminario de Educación para la Paz-APDH.
http://sedupaz.pangea.org/

· Seminario de Educación para la Paz de las Comarcas de Tarragona
http://www.fut.es/ agr/bienve.htm

· Edualter. Iniciativa de coordinación e información sobre Educación para la Paz en Internet
http://www.pangea.org/edualter/

· CIP. Centro de Investigaciones por la Paz. Madrid
http://www.fuhem.es/cip-ecosocial/noticias.aspx?v=8938&n=0

· AMNISTÍA INTERNACIONAL (AI)
http://www.es.amnesty.org/

· Escuela cultura de Paz
http://escuelaculturadepaz.org/

     

Sigam lusopatia.wordpress.com

28 Xan

   Ó turma de português, minhas crianças! Bons conselhos são boas ideias. Sigam o blogue lusopatia porque lá vão achar artigos com conteúdos úteis e muito bem elaborados: falsos amigos, pronúncia, escrita, léxico… (tudo em Fonética, Ortografia, Para aprendermos mais). Vá lá! Não demorem e mergulhem-se!   

Xenerais da Ulla. Entroido tradicional ás portas da casa

28 Xan

 Por primeira vez en moito tempo, os Concellos da contorna apostan pola difusión conxunta do Entroido da Ulla. Boa iniciativa.

   Pois vaia que non nos parece unha boa iniciativa! E mais unha decisión moi acertada. Hai que pór en valor a nosa cultura: xuntos facemos máis forza e vennos máis desde todos os lados. Parabéns!

   Outras novas relacionadas: http://www.concellodeteo.com/actualidade/nova.php?id=882&lg=gal

Tripulación: este sábado comeza con boas novas. Estamos de noraboa!

28 Xan

   – VOLVEN AS ULTRANOITES. – E onde hai que ir para gozalas? – A Teo

Que pasa coa Nasa?      

   Boas novas para a cultura e moi boas novas desde e para Teo: logo de falaren e veren,  Concello de Teo e Chévere van camiñar xuntos. Parabéns aos dous interlocutores!

   Houbo quen fixo que unha boa manchada de mariñeir@s tiveran que deixar de faenar nesta ría chamada Compostela: todo un exemplo de que  desde a carraxe, o odio e a mala xestión, a cultura deste país nin loce nin medra nin sementa. Pero co espírito de acción-reacción, falando e chegando a bos acordos, xa temos unha marca onde ir pescar. Chegou o tempo de ir baixando ao mar gamelas, chalanas, dornas e demais embarcacións; de ir preparando o aparello e mais a carnada, e de pensar en fartura e peixes a saltar.

   Acabáronse os insultos cos que outrora se prodigaron algúns e cos que atentaban contra a intelixencia de todas e todos os mareantes que nos achegabamos ao “templo” da Sala Nasa; agora só queda agardar e irse preparando para saborear bos produtos teatrais. Veña, xa prontiño poderemos seguir o seu programa de mareas.

Aquí quedan algunhas “cousiñas” coas que encher o papo:

   En Outubro de 2010 Chévere presentou no Auditorio Municipal da Ramallosa (Teo), promovida por ese concello, esta Ultranoite dedicada ao cooperativismo. En 2012 o concello de Teo acollerá en residencia á compañía Chévere, tras chegar a un acordo de cesión do auditorio municipal e de co-financiamento do proxecto, que conta tamén co soporte e apoio de Agadic. Así que a partir de agora Teo será o escenario para as Ultranoites, para os espectáculos de Chévere e para moitas máis actividades culturais, escénicas e teatrais. Despois de 25 anos traballando en Santiago de Compostela, Chévere emigra a un lugar máis acolledor para reinventarse, onde se respiran as gañas de facer cousas.

 Contamos con todos vós nesta nova aventura! http://redenasa.tv/video/no-seu-25-aniversario-chevere-reinventase-en-teo/#menu_comparte

http://galiciaconfidencial.com/nova/7918.html

http://www.elmundo.es/elmundo/2011/08/18/galicia/1313658893.html

http://xornalgalicia.com/modules.php?op=modload&name=News&file=article&sid=79394