Arquivo | 11:04

Nova Escola Galega esixe a rectificación do Valedor do Pobo e do Conselleiro de Educación

24 Dec

Nova Escola Galega esixe a rectificación do Valedor do Pobo e do Conselleiro de Educación

   Caixa de texto: Asociación declarada de Utilidade Pública (Orde
INT/2335/2008, BOE 5/8/08): O movemento de renovación pedagóxica Nova Escola
Galega quere expresar publicamente o seu abraio diante do informe do Valedor
do Pobo en relación cos contidos recollidos no libro de texto de Coñecemento
do Medio de 5º curso de Educación Primaria, publicado pola editorial Vicens
Vives e a correlativa actuación da Consellería de Educación e O.U. 

   Unha vez máis, as actuacións do Valedor e do propio Conselleiro seguen
respondendo aos seus prexuízos respecto do idioma galego e non ao servizo
que como cargos institucionais e no exercicio das súas respectivas
responsabilidades deben ter no respecto e protección do idioma. Este novo
episodio e o balbordo xerado evidencian de maneira gravísima a
irracionalidade do seu proceder, sen molestárense sequera en comprobar se a
denuncia ten un baseamento real que poida motivar unha actuación de ambas
institucións coa lixeireza e contundencia coa que se produciu. 

   Como calquera pode comprobar, a unidade didáctica nº 4 do libro de 5º de
primaria da editorial Vicens Vives trata do goberno de Galicia, e como parte
dos seus contidos refírese ás linguas en diferentes ocasións. Así nas
páxinas 56 e 57, indica o seguinte: 
   Parece pois inaudito que o máximo responsable da educación do país e a
institución que debe velar polo cumprimento dos dereitos da cidadanía galega
se lancen á censura dun libro sen unha mínima comprobación sobre os seus
contidos. 
   O Valedor no seu Informe fala “dunha situación antixurídica, a transmisión
aos escolares de 5º de Primaria dun contido incompleto en canto á regulación
estatutaria das linguas oficiais nesta Comunidade Autónoma, sexa ou non
deliberada. Como tal contido incompleto, produce un coñecemento inexacto do
réxime xurídico das linguas oficiais en Galicia e, en consecuencia, non só
carece do rigor científico imprescindible nos libros de texto senón que
transmite unha información contraria á configuración constitucional da
cooficialidade lingüística como expresión xurídica do bilingüismo, sobre os
seus principios constitucionais e sobre o seu alcance.” En consecuencia
insta á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a que “adopten
as medidas oportunas para que non se utilice o libro de texto citado, en
tanto o seu contido non sexa corrixido no sentido xa comentado”, a que “se
tente reforzar a supervisión dos libros de texto e outros materiais
curriculares que, de acordo coa lei, constitúe parte do proceso común de
inspección que exerce a Administración educativa sobre a totalidade de
elementos que integran o proceso de ensino e aprendizaxe, e que debe velar
polo respecto aos principios e valores contidos na Constitución e ao
disposto nas leis.” 
   Trátase, xa que logo, dun exceso de celo censor que revela os enormes
prexuízos que presiden a actuación de dúas das máis altas institucións do
país, preocupados e ocupados nada menos que en converter o coñecemento do
Estatuto de Autonomía de Galicia nun problema. A ninguén cun mínimo sentido
común se lle escapa que unha referencia legal recollida nun libro de texto
non ten por que ser exhaustiva -estamos falando de estudantes de 5º de
Primaria, non de alumnado da carreira de Dereito- e, ademais, precisamente a
información fundamental a xuízo destes censores, ofrécese na páxina
anterior. 
   Coñecido e desvelado “o problema”, como en tantas ocasións grazas a
actuación de entidades e cidadáns, resulta dificilmente explicable que non
se teña producido a máis mínima rectificación pública por parte dos
responsables de accións tan espurias como inquisitoriais. Tampouco os medios
cuxos columnistas fixeron sangue da reacción airada da cidadanía son quen de
arriar as velas agora. Instalados na consigna do “todo vale”, a mentira é
sen dúbida a estratexia máis valiosa. Mágoa que, nesta ocasión, as présas
compuxeron unha “trola” difícil de agochar. 
   Nova Escola Galega entende que non deben seguir á fronte dos seus cargos
persoas carentes do coñecemento das súas obrigas, do máis mínimo sentido da
responsabilidade e da sensibilidade necesaria para non facer dos seus
prexuízos un problema constante para a sociedade galega. 

   Compostela, 21 de decembro do 2011

Caixa de texto: Asociación declarada de Utilidade Pública (Orde
INT/2335/2008, BOE 5/8/08)

NOVA ESCOLA GALEGA
Rúa San Clemente, 18. Baixo
15705 Santiago de Compostela
Tel./Fax: 981 562 577
http://www.nova-escola-galega.org

neg@mundo-r.com