Arquivo | 19:01

VI CONCURSO LITERARIO. “Tes un conto…de medo.” Bases.

1 Nov

Se queres participar, le ben as bases. É importante. Queremos que participedes!!!!Escribe o teu conto/ relato xa!

Bases:

1- TEMÁTICA: medo e terror.

2- PARTICIPANTES: todo o alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO. Cada participante só poderá presentar unha obra orixinal.

3- EXTENSIÓN: mínima, un  folio (A4) escrito só por unha cara e a dobre espazo ; máxima, tres folios (A4) por unha soa cara e a dobre espazo.

4- PRESENTACIÓN. Os traballos poden presentarse no Departamento de Lingua Galega ata o 10 de novembro do seguinte xeito:

  • Nun sobre pequeno (tamaño carta persoal) introducirase un papel co nome de quen participa, pseudónimo (falso nome, nome inventado) que elixe para participar, curso, grupo, idade  e título do conto ou do relato que presenta. Ao finalizar, pecharase o sobre e escibirase por fóra SÓ O PSEUDÓNIMO.
  • Nun sobre grande (tamaño A4) introduciranse este sobre pequeno, como se indica, e mais tres copias da obra presentada. Ao rematar, pecharase o sobre grande e escribiranse por fóra O PSEUDÓNIMO E O TÍTULO ELIXIDOS.

   As obras que non se presenten deste xeito serán declaradas nulas polo xurado do concurso.

“Tes un conto…de medo”. CONVOCATORIA PARA O ALUMNADO DE 1º, 2º E 3º DA ESO

1 Nov

PRIMEIRO CALAFRÍO

  Soñei pola noite que alguén se achegaba ata o meu corpo durmido, alongaba interminablemente os brazos e, coas mans frías e ásperas, escarvaba no meu tórax, arrincándome de maneira indolora un anaco do meu interior. Nas súas gadoupas, curvas coma as poutas das aguias e os dedos dos artríticos, brillaba ese anaquiño de min, ese anaco dourado que latexaba cun arfar nervioso de paxaro, brillaba e íase licuando como tal ámbar ou xelatina, ámbar cun antigo insecto dentro, xelatina cun floco de chocolate no seu interior. E el ría, dun xeito inexplicable, sorría, aínda que non cheguei a verlle o rostro nin os ollos, que talvez non existían. Insensiblemente as súas mans fóronse pechando e o seu corpo foise confundindo coas sombras. Só permanecían as mans, os dedos coma barrotes dunha gaiola (…).

   Velaquí un anaco dun magnífico libro que todo o noso alumnado de 2º da ESO vai ler nestas datas. Autor e título están na imaxe da capa, a el xa o coñecen moitos dos nosos lectores e parte do título vainos servir para convocar o noso concurso literario. Por favor, non deixedes de ler este e os outros oito relatos da obra. Non ides poder durmir sen facelo!

   Chegaron o mes e a data axeitada. Xa están aí os magostos e o San Martiño, moitas reunións e bastante conto; sobre todo de medo. Por iso, contando coa colaboración do Club de Lectura do centro, convocamos un concurso literario para o alumnado de 1º- 2º e 3º da ESO.

O retraso na convocatoria de axudas ao fomento do galego no ensino suporá a eliminación de numerosas actividades de formación do alumnado

1 Nov

Nota de prensa CGENDL retraso axudas

PREMIO XOÁN MANUEL PINTOS 2011. Equipos de normalización traballando a prol da lingua

1 Nov

Onte chegoume este correo electrónico. Compártoo con toda a comunidade educativa porque me parece importante. Moitos parabéns por este traballo tan necesario.

   Queremos informarvos e facervos partícipes, en canto que a CGENDL somos todos e todas, do  Premio Xoán Manuel Pintos 2011 , que o Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) acordaron outorgar ao noso colectivo e todos os docentes dos Equipos de Normalización polo seu “traballo a prol da lingua” e “o compromiso, dedicación e paixón que lles transmiten (…) de maneira especial ao alumnado”:  http://ir.gl/3253f0

1º certame de microrrelatos móbiles. “Con poucas palabras”

1 Nov

   Desde hai varias semanas, todo o alumnado de 2º de Bacharelato (tres grupos) está convocado a participar neste certame de Microrrelatos móbiles. As bases xa están publicadas (nos carteis), pero agora sacámolas no blogue. Consultádeas por se non as vistes nos taboleiros do instituto e das aulas.

BASES:

  1. Pode participar todo o alumnado de 2º de BACHARELATO que teña un teléfono móbil propio.
  2.  Nesta ocasión, o certame será de temática libre (valorándose a orixinalidade e a creatividade).
  3.  A extensión limítaa o propio teléfono: 140  caracteres (que deben incluír o título, no comezo, e os datos de quen escribe –só o 1º apelido e 2 bch. A ou B-, no final).
  4. Cada participante enviará só un microrrelato ao blogue do equipo: normalizach.wordpress.com.
  5. O prazo de presentación comezará o día 2 e terminará o 25 de novembro. Para iso, habilitarase un espazo no blogue onde se irán publicando os microrrelatos enviados.

   Ao rematar, ábrese o prazo de votación para todo o alumnado do centro. Entre o 28 e o 30 de novembro colocarase unha caixa na porta da Biblioteca para que, quen o desexe, deposite o seu voto, escribindo nun papel só o título do microrrelato elixido. Só se pode votar por un.

   Feito o reconto, o día 2 publicaranse os tres máis votados tanto no blogue do Equipo coma no Taboleiro (enfronte da cafetaría do centro), para que toda a comunidade escolar poida lelos.

Premios: haberá tres estupendos premios. ANÍMATE, E PARTICIPA!!!!

SAMAÍN no noso instituto

1 Nov
Cartel do Samaín

Festas anuais

   O venres 28 de outubro, celebrouse o Samaín no noso instituto. Participaron as clases do alumnado de todo 1º e 2º da ESO e foi todo un éxito.

  Un xurado formado por membros de toda a comunidade escolar pasou polas aulas e decidiu que a mellor era a de 2º B. PARABÉNS!!!

 Foi despois cando o alumnado deste grupo gozou dun tempo de lecer e convivencia moi educativos e agradables: na cafetaría do centro estaba todo listo para que comeran cadansúa cunca de crema de cabaza e algúns ósos de santo. Logo, varios participantes contaron os seus contos de intriga, medo, terror… Pasárono moi ben, pero fáltalles compartir unha xornada “especial”  dentro duns días. Que será…?

 Animávosvos a compartir neste blogue as vosas fotografías do venres. Mandádeas do mellor xeito posible (como comentario, por exemplo) e nós publicámolas.

Cousiñas ricas…cousiñas de comer

1 Nov Receitas de outono en Teo

PARTICIPA NA RECOLLEITA DE RECEITAS DE OUTONO E TRÁEAS AO INSTITUTO.Receitas de outono en Teo

1. Escribe claramente nun folio (A4) os ingredientes e os pasos para facer a receita.

2. Ponlle na parte superior o nome (Puré de castañas, Torta de noces, Licor de landras…) e na parte inferior, os teus datos (nome e apelidos) xunto cos da persoa que che deu a receita e o lugar de onde é (Solláns, Lucí, Rarís…).

3. Para que quede mellor, se tes unha fotografía do prato (licor ou conserva), tráenola e tamén a expoñeremos.

4. Se queres participar, segue estes pasos e entrega a túa receita na Cafetaría. Alí haberá unha caixa dentro da  que se podes depositala.

5.  Pódense ir traendo desde mañá venres (28 de outubro) e ata a semana de San Martiño (do sete ao 10 de novembro) expoñerémolas todas na propia cafetaría. 

            HABERÁ PREMIO PARA AS TRES MÁIS INTERESANTES!

Non vos esquezades de gardar unha copia que poidamos subir ao noso blogue!!!

Se queredes ver máis:

O pase de diapositivas require JavaScript.

   Todas estas receitas aparecerán na revista do centro A Eira dos Mouros 2012.

RECEITAS DE OUTONO. Cousiñas ricas, cousiñas de comer.

1 Nov

 Seguro que na túa casa se preparan pratos ou bebidas típicos desta época con setas, cogomelos, nabizas, grelos, cabaza, castañas, landras, mazás, uvas, marmelo, porco, viño, augardente…  Por Santos, por Defuntos, polo San Martiño algo típico se come nas casas deste concello.

Pregunta a quen cociñe na casa e trae escrita a túa receita para facermos o receitario de outono do concello de Teo. Se podes incluír unha fotografía, moito mellor. Veña, faino decontado.

No que queda de semana, dámosche as indicacións para participares.

EQUIPO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA DO IES DE CACHEIRAS