Arquivo | Novembro, 2011

Un Nadal diferente. A CGENDL segue traballando e ofrecendo os seus recursos e materiais

25 Nov

Por segundo ano consecutivo, a CGENDL pon á disposición da comunidade educativa un  monografico para o Nadal . Deste modo, dende a Coordinadora ofrecémosvos a nosa páxina como unha plataforma web colaborativa que recolle recursos e materiais elaborados nos propios centros escolares. Os monográficos de Nadal, Entroido, Letras Galegas, etc. completan o espazo de recursos xeral ( http://ir.gl/8b9eb4 ), de acceso para os membros do colectivo, que na actualidade conta cunhas 200 entradas. No especial de Nadal podedes atopar:

1.- Recursos para traballar nas aulas:  escolma de recursos elaborados por docentes, institucións e asociacións. Inclúe unidades didácticas, actividades en liña, manualidades, vilancicos, contos, modelos de cartas para enviar aos Reis Magos e o Apalpador, o refraneiro, bases de concursos, etc. Agardamos completala coas vosas achegas a    correo@coordinadoraendl.org .

Enderezo:  http://www.coordinadoraendl.org/nadal2011/recursos/index.php

2.-   Postais elaboradas polo alumnado:   espazo destinado a recoller as felicitacións feitas polo alumnado que, unha vez dixitalizadas, poden ser enviadas, a través da rede e de modo moi sinxelo, polo propio alumnado e as súas familias para felicitar as festas e o novo ano. O prazo de recepción de postais continuará aberto ata o 19 de decembro. Nos documentos anexos remitimos as instrucións e un modelo de autorización para podermos usar os traballos do alumnado.

Enderezo:  http://www.coordinadoraendl.org/nadal2011/index11.php

Lembrade que a CGENDL é unha entidade formada por equipos e docentes que traballan de forma voluntarista e de forma construtiva, e que non ten subvencións nin outras vías de financiamento para ofrecer premios. O maior premio é poder compartir a ilusión posta no traballo polo noso alumnado e os seus profesores e profesoras e a satisfacción das familias ao ver os resultados deste labor.

Agardamos que este proxecto vos sexa de utilidade.

Saúdos normalizadores

Coordinadora Galega de ENDL

25 de novembro. Ningunha violencia pode ser admitida; a machista, contra as mulleres, tampouco. Hoxe estaremos no CSC da Ramallosa. Vémonos alí.

24 Nov

   Aquí queda a info que encontraredes na páxina do Concello de Teo. Apoiemos estas iniciativas e agradezamos o traballo e a colaboración de quen participou e fixo posible a intervención poética e musical “A moza tecelá“,  texto de Marina Colasanti adaptado por Sabela Álvarez, profesora do departamento de Lingua galega e literatura do centro.

   Se queres ver algunhas imaxes da preparación da escenografía e dos ensaios da peza, mira aquí:

O pase de diapositivas require JavaScript.

AXENDA

Lectura da declaración institucional en conmemoración do 25 de novembro 24 de novembro de 2011

   Os actos en conmemoración do 25 de novembro comezarán coa lectura da Declaración institucional diante da Casa do Concello a partir das 18:00 horas. A continuación gardarase un minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero. Depois no CSC da Ramallosa membros da asociación Aspamite representarán unha obra de teatro e o alumnado do IES de Cacheiras farán unha lectura de textos acompañados de música. Máis información premendo aquí »

Novembro tamén está sendo un mes diferente. Mirade que ben o pasamos no magosto!!

24 Nov

   Este ano celebramos o magosto con música, bo tempo, xogos monitorizados e, como non, castañas asadas. Mentres no forno dunha parroquia de cerca do centro se preparaban as castañas, un voluntariado sen igual fixo os cornetes para logo meter as castañas e arranxou todo no patio traseiro para que houbera diferentes puntos de reparto e degustación. Un millón, sen vós non sería posible facelo!!! Houbo que esperar ao segundo recreo para que os músicos animaran o centro coa súa charanga e levaran tras deles a quen os quixo seguir. O tempo acompañou e tivemos sorte: con chuvia tería sido diferente.

    As profesoras de Educación física (Carmen, Paula e Pilar)  e mais o alumnado de bacharelato xa tiñan preparados os xogos nas zonas cuberta e descuberta, e despois do segundo recreo empezaron as competicións. Cadaquén xogou ao que quixo e todos gozaron a tope. As castañas coméronse con ganas e despois houbo máis xogos, música (pandereteiras) e cancións. Moita participación, imaxinación, risas e ganas de pasar unhas horas de forma diferente; todo isto agradécese, pero tamén esperamos que o entusiasmo siga animándonos a compartir días coma este.

   Aquí deixamos unha galería de fotos para que poidamos lembrar a véspera do San Martiño.

O pase de diapositivas require JavaScript.

E tamén temos un vídeo, realizado polo propio alumnado, onde se pode ver que fixeron e como o pasaron xuntos.

24 Nov

Por fin!!!!! Xa podedes ver o vídeo que fixeron os nosos creadores. Non deixedes de velo ;=)

Pincha aquí para velo: SAMAÍN

Pasou o Samaín…con moita gloria e ningunha pena.

24 Nov

    Como xa contamos hai un tempo -SAMAÍN no noso instituto-, este ano o Samaín deixou moi bo sabor de boca no centro e mais en dous grupos: 2º da ESO B e 1º da ESO E. Ambos os dous resultaron gañadores da elaboración e exposición do conxunto de cabazas máis creativo e orixinal de todos.

   O día 16 de novembro veu Paula Carballeira ao centro para botarlle unha contada ao alumnado gañador. Foron contos de medo, coma os que queremos que o alumnado convocado presente para o noso certame “Tes un conto…de medo”  .

Na cafetaría do centro, o alumnado gañador. Comeron crema de cabaza e ósos de santo e logo contaron contos de medo:

O pase de diapositivas require JavaScript.

   O día que veu Paula Carballeira, tiñamos unha exposición dos seus libros no corredor que leva desde o vestíbulo ata o Salón de actos. Estaban colgados de varias cordas e quen quixera podía botarlle unha ollada. Paula contou para o alumnado gañador do Samaín 2011. Foi un día distinto e moi especial!

encrucillado 2º bacharelato

15 Nov

encr2ºbach

Podes escribir sobre o arquivo. Lembra que as palabras verticais e horizontais deben coincidir perfectamente.

VI CONCURSO LITERARIO. “Tes un conto…de medo.” Bases.

1 Nov

Se queres participar, le ben as bases. É importante. Queremos que participedes!!!!Escribe o teu conto/ relato xa!

Bases:

1- TEMÁTICA: medo e terror.

2- PARTICIPANTES: todo o alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO. Cada participante só poderá presentar unha obra orixinal.

3- EXTENSIÓN: mínima, un  folio (A4) escrito só por unha cara e a dobre espazo ; máxima, tres folios (A4) por unha soa cara e a dobre espazo.

4- PRESENTACIÓN. Os traballos poden presentarse no Departamento de Lingua Galega ata o 10 de novembro do seguinte xeito:

  • Nun sobre pequeno (tamaño carta persoal) introducirase un papel co nome de quen participa, pseudónimo (falso nome, nome inventado) que elixe para participar, curso, grupo, idade  e título do conto ou do relato que presenta. Ao finalizar, pecharase o sobre e escibirase por fóra SÓ O PSEUDÓNIMO.
  • Nun sobre grande (tamaño A4) introduciranse este sobre pequeno, como se indica, e mais tres copias da obra presentada. Ao rematar, pecharase o sobre grande e escribiranse por fóra O PSEUDÓNIMO E O TÍTULO ELIXIDOS.

   As obras que non se presenten deste xeito serán declaradas nulas polo xurado do concurso.

“Tes un conto…de medo”. CONVOCATORIA PARA O ALUMNADO DE 1º, 2º E 3º DA ESO

1 Nov

PRIMEIRO CALAFRÍO

  Soñei pola noite que alguén se achegaba ata o meu corpo durmido, alongaba interminablemente os brazos e, coas mans frías e ásperas, escarvaba no meu tórax, arrincándome de maneira indolora un anaco do meu interior. Nas súas gadoupas, curvas coma as poutas das aguias e os dedos dos artríticos, brillaba ese anaquiño de min, ese anaco dourado que latexaba cun arfar nervioso de paxaro, brillaba e íase licuando como tal ámbar ou xelatina, ámbar cun antigo insecto dentro, xelatina cun floco de chocolate no seu interior. E el ría, dun xeito inexplicable, sorría, aínda que non cheguei a verlle o rostro nin os ollos, que talvez non existían. Insensiblemente as súas mans fóronse pechando e o seu corpo foise confundindo coas sombras. Só permanecían as mans, os dedos coma barrotes dunha gaiola (…).

   Velaquí un anaco dun magnífico libro que todo o noso alumnado de 2º da ESO vai ler nestas datas. Autor e título están na imaxe da capa, a el xa o coñecen moitos dos nosos lectores e parte do título vainos servir para convocar o noso concurso literario. Por favor, non deixedes de ler este e os outros oito relatos da obra. Non ides poder durmir sen facelo!

   Chegaron o mes e a data axeitada. Xa están aí os magostos e o San Martiño, moitas reunións e bastante conto; sobre todo de medo. Por iso, contando coa colaboración do Club de Lectura do centro, convocamos un concurso literario para o alumnado de 1º- 2º e 3º da ESO.

O retraso na convocatoria de axudas ao fomento do galego no ensino suporá a eliminación de numerosas actividades de formación do alumnado

1 Nov

Nota de prensa CGENDL retraso axudas

PREMIO XOÁN MANUEL PINTOS 2011. Equipos de normalización traballando a prol da lingua

1 Nov

Onte chegoume este correo electrónico. Compártoo con toda a comunidade educativa porque me parece importante. Moitos parabéns por este traballo tan necesario.

   Queremos informarvos e facervos partícipes, en canto que a CGENDL somos todos e todas, do  Premio Xoán Manuel Pintos 2011 , que o Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) acordaron outorgar ao noso colectivo e todos os docentes dos Equipos de Normalización polo seu “traballo a prol da lingua” e “o compromiso, dedicación e paixón que lles transmiten (…) de maneira especial ao alumnado”:  http://ir.gl/3253f0

1º certame de microrrelatos móbiles. “Con poucas palabras”

1 Nov

   Desde hai varias semanas, todo o alumnado de 2º de Bacharelato (tres grupos) está convocado a participar neste certame de Microrrelatos móbiles. As bases xa están publicadas (nos carteis), pero agora sacámolas no blogue. Consultádeas por se non as vistes nos taboleiros do instituto e das aulas.

BASES:

  1. Pode participar todo o alumnado de 2º de BACHARELATO que teña un teléfono móbil propio.
  2.  Nesta ocasión, o certame será de temática libre (valorándose a orixinalidade e a creatividade).
  3.  A extensión limítaa o propio teléfono: 140  caracteres (que deben incluír o título, no comezo, e os datos de quen escribe –só o 1º apelido e 2 bch. A ou B-, no final).
  4. Cada participante enviará só un microrrelato ao blogue do equipo: normalizach.wordpress.com.
  5. O prazo de presentación comezará o día 2 e terminará o 25 de novembro. Para iso, habilitarase un espazo no blogue onde se irán publicando os microrrelatos enviados.

   Ao rematar, ábrese o prazo de votación para todo o alumnado do centro. Entre o 28 e o 30 de novembro colocarase unha caixa na porta da Biblioteca para que, quen o desexe, deposite o seu voto, escribindo nun papel só o título do microrrelato elixido. Só se pode votar por un.

   Feito o reconto, o día 2 publicaranse os tres máis votados tanto no blogue do Equipo coma no Taboleiro (enfronte da cafetaría do centro), para que toda a comunidade escolar poida lelos.

Premios: haberá tres estupendos premios. ANÍMATE, E PARTICIPA!!!!

SAMAÍN no noso instituto

1 Nov
Cartel do Samaín

Festas anuais

   O venres 28 de outubro, celebrouse o Samaín no noso instituto. Participaron as clases do alumnado de todo 1º e 2º da ESO e foi todo un éxito.

  Un xurado formado por membros de toda a comunidade escolar pasou polas aulas e decidiu que a mellor era a de 2º B. PARABÉNS!!!

 Foi despois cando o alumnado deste grupo gozou dun tempo de lecer e convivencia moi educativos e agradables: na cafetaría do centro estaba todo listo para que comeran cadansúa cunca de crema de cabaza e algúns ósos de santo. Logo, varios participantes contaron os seus contos de intriga, medo, terror… Pasárono moi ben, pero fáltalles compartir unha xornada “especial”  dentro duns días. Que será…?

 Animávosvos a compartir neste blogue as vosas fotografías do venres. Mandádeas do mellor xeito posible (como comentario, por exemplo) e nós publicámolas.

Cousiñas ricas…cousiñas de comer

1 Nov Receitas de outono en Teo

PARTICIPA NA RECOLLEITA DE RECEITAS DE OUTONO E TRÁEAS AO INSTITUTO.Receitas de outono en Teo

1. Escribe claramente nun folio (A4) os ingredientes e os pasos para facer a receita.

2. Ponlle na parte superior o nome (Puré de castañas, Torta de noces, Licor de landras…) e na parte inferior, os teus datos (nome e apelidos) xunto cos da persoa que che deu a receita e o lugar de onde é (Solláns, Lucí, Rarís…).

3. Para que quede mellor, se tes unha fotografía do prato (licor ou conserva), tráenola e tamén a expoñeremos.

4. Se queres participar, segue estes pasos e entrega a túa receita na Cafetaría. Alí haberá unha caixa dentro da  que se podes depositala.

5.  Pódense ir traendo desde mañá venres (28 de outubro) e ata a semana de San Martiño (do sete ao 10 de novembro) expoñerémolas todas na propia cafetaría. 

            HABERÁ PREMIO PARA AS TRES MÁIS INTERESANTES!

Non vos esquezades de gardar unha copia que poidamos subir ao noso blogue!!!

Se queredes ver máis:

O pase de diapositivas require JavaScript.

   Todas estas receitas aparecerán na revista do centro A Eira dos Mouros 2012.

RECEITAS DE OUTONO. Cousiñas ricas, cousiñas de comer.

1 Nov

 Seguro que na túa casa se preparan pratos ou bebidas típicos desta época con setas, cogomelos, nabizas, grelos, cabaza, castañas, landras, mazás, uvas, marmelo, porco, viño, augardente…  Por Santos, por Defuntos, polo San Martiño algo típico se come nas casas deste concello.

Pregunta a quen cociñe na casa e trae escrita a túa receita para facermos o receitario de outono do concello de Teo. Se podes incluír unha fotografía, moito mellor. Veña, faino decontado.

No que queda de semana, dámosche as indicacións para participares.

EQUIPO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA DO IES DE CACHEIRAS